Os cans de rastrexo, claves na busca de persoas desaparecidas
Coñecemos a Siba e o seu adestrador, Roberto, que colaboraron na busca da muller desaparecida no Pereiro de Aguiar
Siba e o seu adestrador, Roberto, participaron na busca da muller de 84 anos desaparecida tras marchar dunha residencia de maiores do Pereiro de Aguiar.
Como tantos outros veciños da zona, fixérono voluntaria e desinteresadamente, porque as primeiras horas dunha desaparición son vitais para unha resolución feliz, coma neste caso.
"Temos unha prenda da persoa desaparecida, dámoslla a cheirar e dámoslle unha orde de busca. Se a cadela atopa un rastro fiable, eu nótoo na tensión da correa", explica Roberto.
Cando dan coa persoa desaparecida, ladran para avisar.
"Desprázase ao mellor 200 metros ou é de noite, pero se a sentes ladrar, sabes que atopou a persoa. É a maneira que ten de sinalar que atopou o obxectivo que buscaba", sinala o adestrador.
Siba é un Pastor Belga Malinois de catro anos. Unha das razas con mellores cualidades para o rescate de persoas, así que Roberto decidiu adestrala para botar unha man cando faga falta.
"Como sempre lle gustaba buscar e, o ano pasado, foi a miña propia nai a que se perdeu, pois decidín adestrala. O que pasa é que aquí en Ourense non temos preparadores e vou a Ordes, á Coruña, todos os sábados. A min gústame, é bo, e é unha maneira de colaborar coa humanidade, como digo eu", conclúe.
Neste caso, non foi Siba a responsable do achado, pero Roberto anima os concellos da zona a que conten con eles en situacións similares.