XVIII recreación do proceso do liño na Casa do patrón, en Lalín
Membros dunha asociación de veciños de Marín asistiron ás explicacións do tratamento do liño para elaborar roupa
A recreación do proceso do liño que se fai na Casa do patrón empeza co mazado, porque a planta se sementa na primavera. Co mazado e o espadelado quítaselle a leña e a casca, antes de pasalo polo restrelo, para poñelo máis fino. Para o fiado fai falta man como a de Remedios que fiou moito de nova.
"Fanse as meadas e cocíanas con borralla no forno. Sacábase, lavábano e botábano a clareo nun prado ao pé da fonte. De alí facían os nobelos para levar ao tear e tecer. Era un traballo moi bonito, eu entretíñame moito e todas facíamos isto", detalla Remedios González.
De mulleres como Remedios aprenden as máis novas, que comezaron facendo música tradicional.
"Mentres traballaban cantaban para facer máis levadío o traballo. Xa levo como 12 anos no grupo e desde o principio empecei a vir á fía así que xa levo un montón de anos", explica María Lamazares.
"É algo tradicional e nós tocamos música tradicional e está todo fiado. Agora hai moita xente nova que se mete na música tradicional pero das fías e das mallas é de onde saían as cancións tradicionais e non se pode deixar que se perda", asegura Olaia González.
Co liño e a la facíase a roupa de cama e de vestir, que resultaba moi duradeira.