Publicador de contidos

Publicador de contidos

Recuperar e conservar a arte do liño

Recuperar e conservar a arte do liño

Agrupacións de apaixonados do téxtil galego, como a Comunidade Téxtil do Umia, recolleitan e custodian os saberes desta tradición

Máis de dez mil teceláns traballaban en Galicia no ano 1750

Galicia foi exportadora de liño á meseta e a América

Cultivo de liño galego en Castrolandín, Cuntis
G24.gal 26/06/2026 20:56 Última actualización 27/06/2026 11:20

Houbo un tempo en que o liño medraba en moitas leiras galegas e o son dos teares formaba parte da vida cotiá. Hoxe, Galicia quere volver a fiar parte da súa historia. O liño, que un día marcou a vida de tantas aldeas, busca agora un novo futuro sen perder as súas raíces.

Apaixonados da tradición do liño, este grupo de amigos de Cuntis e da Estrada compartía coñecementos, pero este ano decidiu por primeira vez, cultivalo e transformalo para tecer eles mesmos. Xa están listos para apañalo a fin de semana que vén.

" Agora haberá que quedar para apañalo, para restelalo, para levalo a cocer ao río", di Belén Pazos da comunidade Téxtil do Umia


Por toda Galicia, hai agrupacións que levan anos atesourando os saberes do liño: vocabulario, trebellos e usos que antano se transmitían na casa, onde plantaban, tecían e confeccionaban roupa de vestir e do fogar.

"Toda esa vagaxe é propiedade dun pobo, non miña porque o recollín. É propiedade de quen nolo transmitiu e nós temos a obriga de transmitilo tamén", asegura Manuel Otero, da comunidade Téxtil do Umia

Logo de trinta anos investigando, Manuel goza dunha das maiores coleccións privadas de Galicia que mostra en Tecedeiras: arte e talento na sombra. 260 obras de arte conservadas con agarimo durante máis dun século, a maioría cobertores.

"Os elementos máis significativos dos tecidos galegos son a cor e a rica variedade decorativa", di Manuel Rodríguez Calviño, etnoarqueólogo

O liño galego xa tiña sona no Imperio Romano. No século XVIII e ata principios do XIX a industria galega viviu o seu cénit exportando a toda a península e a América. 

"Estímase que había máis de dez mil persoas no ano 1750 tecendo en Galicia, mulleres e homes",  asegura Manuel Rodríguez Calviño. 


A iniciativa galega polo liño do sector téxtil e a Xunta quere recuperar a produción e reducir a dependencia do exterior mentres no interior as agrupacións custodias da riqueza agardan que o proxecto aglutine a sabedoría de todo un pobo.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade