Publicador de contidos

Publicador de contidos

Inditex rexistra un beneficio récord de 2.980 millóns no semestre, un 6,8 % máis

Inditex rexistra un beneficio récord de 2.980 millóns no semestre, un 6,8 % máis

As vendas do xigante textil medraron un 7,6 %

O conselleiro delegado considera excelentes os resultados nun ámbito global moi complexo

David Zorrakino/Europa Press David Zorrakino/Europa Press
G24.gal 09/09/2026 08:10

Inditex obtivo un beneficio neto récord de 2.980 millóns de euros no primeiro semestre fiscal deste ano, un 6,8 % máis que no mesmo período de 2025. As vendas neste período creceron un 7,6 % en taxa interanual, ata os 19.755 millóns.

O grupo, dono tamén de marcas como Pull&Bear ou Massimo Dutti, adianta que as vendas en tenda e en liña, a tipo de cambio constante, entre o 1 de agosto e o 7 de setembro (unha vez pasado o primeiro semestre fiscal), creceron un 9 % con respecto ao mesmo período de 2025.

Por marcas, todas rexistraron incrementos interanuais nas vendas no primeiro semestre, con Zara (Zara, Zara Home e Lefties) á cabeza de todas elas, con 13.783 millóns, un 4,8 % máis que no mesmo período do ano pasado.

De cara ao conxunto do ano, Inditex espera un crecemento do espazo bruto anual en 2026 de ao redor do 5 %, acompañado, engade, por unha contribución positiva do espazo á venda nese período e unha forte venda en liña.

O conselleiro delegado, Óscar García Maceiras, asegura que estamos ante uns resultados excelentes nun ámbito global moi complexo.

Investimentos por 2.300 millóns en 2026

O grupo prevé un investimento ordinario de ao redor de 2.300 millóns para todo o ano, con preto de 200 millóns extraordinarios destinados á modernización e mellora das súas instalacións corporativas en toda a compañía.

Por zonas xeográficas, as vendas en tenda e en liña na primeira metade do exercicio mantivéronse estables, co 51,5 % de todas elas en Europa (sen España), o 17,9 % en América e só en España un 15,6 % fronte ao 15,5 % do mesmo período de 2025.

A posición financeira neta creceu un 4 %, ata alcanzar 10.398 millóns ao final do período analizado.

Inditex conclúe que as súas prioridades seguen sendo a mellora da proposta de moda, a atención ao cliente, o enfoque na sustentabilidade e a continua evolución dos equipos de alto rendemento.

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade