Rescatada unha egua que permaneceu tres días nunha gabia nos montes de Avión
As tarefas para liberar o animal foron moi complicadas porque estaba esgotado de levar tantas horas atrapado
Efectivos do Grupo de Emerxencias de Avión conseguiron liberar unha egua que permaneceu tres días atrapada nunha gabia nos montes do concello ourensán de Avión.
Foron os veciños os que alertaron aos servizos de emerxencias de que o animal non podía saír.
Cando chegaron ao lugar os efectivos do GES atoparon a egua entre dúas paredes dun rego e coa auga xa polo peito.
"Sospeitamos que quixo pasar e como estaba tapado pola maleza pois se veu abaixo e xa non foi capaz de saír", asegura Chaveli Domínguez do GES de Avión.
O Grupo de Emerxencias tentou liberar a egua primeiro desmontando parte do muro.
"Aquí tiñamos moita auga porque o cabalo fixo tapón, entón tivemos que ir retirando as pedras sen magoalo e facendo chanzos tentabamos levalo cara adiante, pero nada, o animal chegaba a ese punto e volvía ir para atrás polo medo de levar varios días atrapado", engade.
Decidiron entón solicitar a colaboración de dous dos traballadores da brigada de obras e botar man do cabestrante do camión dos bombeiros para intentar liberar ao animal.
"Unha das cinchas conseguimos pasala por debaixo das pernas e conseguimos levantala moi paseniño, sen forzar ao animal porque estaba moi frío e as patas tampouco lle aguantaban. Cando xa o rescatamos estivo un momento tirado e despois xa se levantou e correu monte arriba", explica Chaveli Domínguez.