A campaña do millo forraxeiro en Galicia avanza con resultados irregulares
As choivas invernais e a seca estival propiciaron colleitas moi desiguais dependendo da zona
Hai leiras que viron reducido ata un corenta por cento a súa produción
O millo forraxeiro resulta fundamental para amortecer unha grande parte dos gastos en alimentación nos que incorren as explotacións
As condicións meteorolóxicas tan variables que se están a rexistrar en 2026 déixanse a notar tamén no agro, onde as explotacións levan varias semanas traballando na recollida do millo forraxeiro, co que alimentan o gando o resto do ano.
Un verán sen case precipitacións obrigou a moitas granxas a recoller a produción antes do que se contaba.
"Estámos metendo o millo a principios de setembro, cando normalmente se facía contra finais de outubro, pero este ano comezou a campaña quince ou vinte días antes do previsto", comenta Estefan Senande, da gandería SAT Candesa en Boqueixón.
As intensas precipitacións do inverno e a seca do verán, influíron na sementeira do millo, que se atrasou, pero tamén na colleita, que se tivo que adiantar en comarcas como o Deza, Chantada ou Sarria.
Ao final a produción resentiuse en moitas explotacións, con reducións de ata un 40 por cento na colleita, mais non é un resultado xeneralizado.
"Hai leiras que están moi mal, cunha produción de entre quince e vinte toneladas por hectárea, que non cumpren as expectativas. Está o millo moi seco. E por outra banda, hai leiras máis húmidas onde si hai boas producións. Pero polo xeral é unha merma de produción bastante grande", asegura Suso Fariñas, asesor da multinacional Bayer en zonas da Coruña e Pontevedra.
Unha campaña a do millo atípica este ano, con rendementos irregulares e que está a condicionar tamén os traballos no ensilado, que se prolongarán durante o mes de outubro.
Pero unha campaña indispensable para axudar a amortecer os custos das explotacións leiteiras e cada vez máis as de carne.