A calor excesiva mingua a colleita de pementos de Herbón
A campaña oficial na denominación de orixe remata o 31 de outubro
Os produtores adiantan que vai ser un ano malo
A campaña do pemento de Herbón remata oficialmente a finais de outubro, no caso dos cultivos acollidos á denominación de orixe protexida, así que aínda é cedo para dispoñer de cifras e facer unha avaliación. Pero hai datos de que vai ser un ano cativeiro.
"Este ano houbo un 50 % menos en comparación con outros anos. Se o ano pasado recollemos 10.000 quilos nestes terreos, este ano estou entre 5.000 ou 6.000, non creo que teña moito máis", detalla Milagros González, presidenta da sociedade agrícola de transformación A Pementeira.
Milagros cultiva algo máis de 3.000 metros cadrados de pementos, ao aire libre e en invernadoiro. Di que o ano pasado apañaba 100 quilos diarios e que agora non pasa da metade. A Pementeira, a cooperativa que preside, agrupa 17 produtoras. E a sensación é xeneralizada, todo polas temperaturas altas porque aos pementos gústalles a calor, pero non tanta.
"Foi un ano moi irregular. Este verán viñeron unhas temperaturas moi altas e non son boas para as plantas, aínda que moita xente pense que coa calor vai haber pementos, pois non", explica Milagros González, presidenta da Sociedade agrícola de transformación A Pementeira.
Con temperaturas superiores aos 28 graos, as plantas producen menos e hai dúbidas de como van chegar ao mes de outubro. E a menos produción, o que non baixan son os prezos.