Os fabeiros de Lourenzá prevén unha colleita escasa por culpa da seca
Agardan que as últimas chuvias axuden a recuperar a produción
Estarán listas para a festa de exaltación da faba, do 2 ao 4 de outubro
Ricardo aínda non comezou a apañar as fabas. Este ano chéganlle con algo de atraso despois duns meses difíciles, moi marcados pola escaseza de auga.
"Pasámolo mal sobre todo en xuño e xullo, que as plantas tiveron un estrés hídrico importante, perdeuse moita floración e moita vaina non callou. Parece que agora entre agosto e setembro recuperou algo por estas chuvias que caeron", comenta o fabeiro Ricardo Yáñez Lourido.
Chuvias de última hora que, confía, axuden a recuperar a produción e engordar o froito de cara á colleita. Despois tocará collelas á man, debullalas e envasalas para vendelas na Festa da Faba de Lourenzá. Este ano a cita será do 2 ao 4 de outubro.
"Agárdase que haxa degustacións, venda de fabas e actividades moi interesantes para coñecer este val tan fermoso onde as cultivamos".
Un val no que empresas familiares coma esta manteñen vivo o cultivo tradicional dun produto delicado e exquisito, que se vende en fresco e en seco, a un prezo aínda por determinar...
"Aínda non sabemos, o ano pasado a faba seca estaba sobre os 15 euros o quilo e a seca vendeuse entre os 12 ou os 13".
Todo dependerá da cantidade e da calidade do apañado. Agora toca que acaben de secar os bagullos e que o tempo lles bote unha man aos fabeiros da Mariña.