Publicador de contidos

Publicador de contidos

A seca e as altas temperaturas provocan a escaseza de cogomelos nos montes

A seca e as altas temperaturas provocan a escaseza de cogomelos nos montes

As asociacións micolóxicas atrasaron as saídas, pero nin así atopan cogomelos

Alertan de que cada ano hai menos variedade de cogomelos e que algúns que eran abundantes están a desaparecer

G24.gal 25/10/2026 14:29

Imos cara ao remate do mes e os recolledores de cogomelos levan semanas adiando as saídas ao monte porque a seca non deixa agromar os fungos, nin no interior nin na costa. A saída desta fin de semana da Agrupación Micolóxica Cantarela de Vilagarcía na Curota foi algo máis proveitosa. Aínda que a brétema mesta non deixaba desprazarse moito, algún boleto e algún níscaro caeu. 

"En xeral non é só un problema en Galicia, tamén no resto de España. É un ano fatal para os cogomelos por mor da seca continuada. Neste momento deberiamos estar atopando un montón de especies que non hai, e tamén polas temperaturas porque é un tempo excesivamente cálido", explica Carlos Álvarez, presidente da Agrupación Micolóxica Cantarela, de Vilagarcía. 

"Na costa está seco todo, pero aquí na Curota o que chaman a "chuvia horizontal" humedece porque se te pos debaixo dun piñeiro cae como se estivese chovendo", di un dos recolledores do grupo

"Con este pouquiño que humedeceu un terreo algo hai, pero case nada", di outra das recolledoras.

O estado do monte tamén dificulta a recolección, e a escaseza de soutos e devesas fai que cada vez saian menos variedades porque os solos están empobrecidos.  

"Hai que cambiar o tipo de planificación forestal do monte, que non sexa todo monocultivo de eucalipto ou de piñeiral. Que volvan as especies autóctonas e iso favorece que houbese máis variedade de cogomelos e seguramente máis cantidade", insiste Álvarez.

"O monte está moi abandonado, aquí dá a vida o gando, os cabalos, que son os que limpan".

Insisten en que só se recollan as especies que se coñezan, por seguridade alimentaria e tamén por respecto á biodiversidade do monte.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade