Desaloxan varias aldeas por precaución ante o avance dun incendio en Ourol que queimou xa 20 hectáreas
Desaloxan varias aldeas por precaución ante o avance dun incendio en Ourol que queimou xa 20 hectáreas
As lapas corren a grande velocidade polo vento e queren evitar sustos durante a noite
Un incendio obriga este martes a desaloxar varias aldeas no concello lucense de Ourol.
Comezou arredor das cinco da tarde no parque eólico de Couteiro, na parroquia de Merille e avanza en dúas frontes. Vai a gran velocidade pola forza do vento.
Ata o momento, as lapas consumiron xa máis de 20 hectáreas.
O alcalde de Ourol, Jose Luís Pajín, confirmou que se desaloxaron por precaución algunhas aldeas, aínda que de momento o lume non está cerca.
Para a súa extinción mobilizáronse polo de agora 1 técnico, 10 axentes, 9 brigadas, 13 motobombas, 4 pas e 2 unidades técnicas de apoio.
A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal.
Tamén está dispoñible para a súa descarga ALume, a app para avisar sobre incendios forestais activos en Galicia.
Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085.
Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais que acadan as 20 hectáreas poderá ser consultada na conta aberta de X: @incendios085.