A néboa provoca desvíos e atrasos no aeroporto da Coruña
Algúns dos voos que debían saír á primeira hora de Alvedro sufriron atrasos, como é o caso dos que viaxaban a Barcelona con Vueling, que saíron tres horas tarde
A néboa provocou na mañá deste xoves desvíos e atrasos no aeroporto coruñés de Alvedro. Segundo informaron fontes de Aena, o Air Europa procedente de Madrid, que debía aterrar na Coruña ás 7:05 horas, foi finalmente derivado a Santiago; e o Vueling de Barcelona que tiña previsto aterrar ás 7:25 horas, foi desviado a Madrid.
Finalmente, o voo de Iberia que tiña previsto aterrar ás 8:40 na cidade herculina, saíu da capital española con máis dunha hora de atraso e, finalmente, foi desviado novamente a Madrid, onde aínda non aterrou.
Ademais destes desvíos, algúns dos voos que debían saír á primeira hora de Alvedro sufriron atrasos, como é o caso dos que viaxaban a Barcelona con Vueling, que saíron tres horas tarde, ou as ligazóns das 9:20 horas e das 8:35 horas con Madrid con Iberia.