A raza rubia galega mantén o seu oco como mellor adaptada ao campo
Nos últimos anos diminuíu o número de exemplares, pero aínda hai 30.000 exemplares inscritos no libro xenealóxico
Os embrións destes animais están moi demandados ao ser unha raza moi rendible desde o punto de vista económico
Exemplares de Rubia Galega son difíciles de atopar, e iso que están moi valorados. Segundo informa a gandeira e secretaria de Acruga, Laura Arias, rondan os "tres mil cincocentos ou catro mil euros".
Representan a esencia do campo galego. Continúa Arias explicando que antigamente nas explotacións tiñan as vacas "para labrar as terras e para producir o leite que se consumía".
A asociación Acruga, que desde hai medio século se preocupa por mellorar a raza rubia galega, ten rexistrados case 30.000 animais, cun valor conxunto de 120 millóns de euros.
A recuperación desta raza, explica Laura Arias, é importante porque "é autóctona e unha excelente produtora de carne". Nos últimos tempos reducíronse as explotacións e os animais rexistrados, pero a raza está en expansión.
Manifesta Laura que "cada vez hai máis rubia fóra de Galicia" e menciona Cantabria e Andalucía. Tamén exportan embrións para o estranxeiro. Un crecemento refrendado pola xenética e a adaptación dunha raza rústica que foi evolucionando.