O Goberno aproba novas medidas para afrontar a escalada dos prezos da enerxía
Os principais sectores afectados piden manter as bonificacións no imposto de hidrocarburos que decaen a finais de ano
Arquivo
O Consello de Ministros aproba este martes un novo paquete de medidas para afrontar a escalada dos prezos enerxéticos, que continúan disparados sete meses despois do inicio do conflito en Irán.
O Goberno non concretou aínda o contido deste paquete de medidas pero reitera que "imos seguir apoiando os sectores máis afectados" e tamén os fogares, como apuntaba este luns o vicepresidente e ministro de Economía, Carlos Cuerpo.
Un dos obxectivos, insistiu, é evitar que a subida dos prezos enerxéticos -o gasóleo encareceuse un 30,3 % en agosto e a gasolina, un 16,9 %- provoque unha segunda rolda de inflación que chegue aos alimentos.
Nos seus encontros co Goberno, os sectores agrícola, pesqueiro e de transporte por estrada reclamaron manter as bonificacións ao carburante profesional, mentres que a industria pediu axudas directas para afrontar un sobrecusto enerxético e os sindicatos, intervir os prezos do carburante.
Polo momento descoñécese se se estenderán máis aló de setembro as bonificacións no imposto de hidrocarburos para os carburantes de automoción, que este mes eran de 5 céntimos por litro de gasolina e 20 céntimos por litro de diésel (o forte encarecemento deste combustible en xullo activou a cláusula que elevaba o desconto).
Tamén está por ver se se mantén a axuda directa de 20 céntimos por litro de gasóleo para agricultores e transportistas, as axudas para a compra de fertilizantes e as axudas extraordinarias para o sector de transporte por estrada.