Publicador de contidos

Publicador de contidos

O Congreso insta a crear unha mesa Xunta-Goberno para estudar o cambio do ancho de vía en Galicia

O Congreso insta a crear unha mesa Xunta-Goberno para estudar o cambio do ancho de vía en Galicia

 PP, Vox e o BNG votaron a favor. O PSOE abstívose e os tres deputados de Sumar votaron en contra

Arquivo Arquivo
G24.gal 29/09/2026 17:35

O Congreso insta a creación dunha mesa técnica entre o Ministerio de Transportes e a Xunta para analizar o cambio da rede galega de ancho ibérico ao ancho estándar europeo para garantir a interoperabilidade.

Na Comisión de Transportes e Mobilidade Sostible deste martes, o deputado popular Celso Delgado criticou o informe remitido en xullo polo Ministerio de Transportes á Unión Europea no que descartaba adaptar os 13.000 quilómetros de vías convencionais españolas ao ancho estándar europeo por supoñer un gasto de entre 20.000 e 30.000 millóns, así como por traducirse en 30 anos de obras.

Afirma que ese informe creou "malestar e preocupación" en comunidades como Galicia e Asturias, no que cualifica de "desacerto técnico". De feito, esta proposta tamén insta a crear unha mesa técnica entre o Principado e o Ministerio polo mesmo tema.

En concreto, o deputado popular pide que, cando menos, se priorice adaptar ao ancho europeo 250 quilómetros de vía desde a provincia de Ourense ata Santiago para a súa conexión co Eixe Atlántico. Critica que o intercambiador de Taboadela supón unha "barreira técnica".

En fronte, a deputada socialista galega Patricia Otero reprochou que os populares non atendan á parte do informe na que se fala da inviabilidade de ter a rede ferroviaria con obras durante 30 anos. Tamén afea as "ideas precipitadas" dos populares coas que queren "desconectar Galicia do tráfico de mercadorías" do resto de liñas que usan o seu ancho.

Ademais, Otero instou os populares a que esixan á Xunta que corrixa o "deficiente" funcionamento das liñas de autobuses que dependen dela, con "viaxeiros tirados en estacións" e "horarios que non son adecuados".

Igualmente, o vigués Manuel Lago (Sumar) dixo que lle "sorprendeu" esta proposición do PP, xa que só busca "cambiar de sitio o problema", "situando o intercambiador de Taboadela en Santiago de Compostela, no punto nodal do eixe atlántico". E reprochou que os populares queiran "paralizar durante moitos anos" o tráfico de pasaxeiros e mercadorías por obras en 250 quilómetros.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade