As choivas torrenciais provocan unha primeira vítima mortal en Cataluña
A Generalitat enviou este domingo outro Es-Alert á poboación de cinco comarcas do norte
O río Besòs supera os 900 metros cúbicos de caudal ao seu paso por Santa Coloma de Gramanet
O río Besòs supera os 900 metros cúbicos de caudal. EFE/Quique García
O episodio excepcional de choivas torrenciais que afecta a Cataluña provocou a morte dunha persoa en Tordera (Barcelona), segundo informa este domingo o presidente da Generalitat, Salvador Illa, na súa conta da rede social X.
"Desafortunadamente, temos que lamentar unha vítima mortal en Tordera", asegurou, para trasladar despois o seu pésame á familia.
O mandatario asegura que "a situación continúa a ser complicada, en especial na metade de Cataluña cara ao norte", e pediu "manter a máxima prudencia e seguir as indicacións" das autoridades.
Protección Civil da Generalitat de Cataluña enviou este domingo un novo Es-Alert aos teléfonos móbiles da poboación das comarcas de Vallès Oriental, Maresme, Selva, Baix Empordà e Gironès para lembrar a necesidade de respectar a restrición de mobilidade polas choivas torrenciais.
Na mensaxe enviada á veciñanza destas zonas, pertencentes ás provincia de Barcelona e Xirona, advírtese da existencia de "múltiples incidencias en curso" e do aumento das precipitacións.
O aviso fai fincapé na necesidade de respectar a restrición de mobilidade ata que finalice o episodio extraordinario de choiva intensa, previsto ata as 14:00 horas deste domingo.
O Besòs ao seu paso por Santa Coloma de Gramanet. EFE/Quique García
Ríos e regatos cheos
A Axencia Catalá da Auga tamén lanzou un aviso por risco de inundacións en Santa Coloma de Gramanet (Barcelona), onde o treito final do río Besòs arrastraba a primeira hora deste domingo un caudal de 903 metros cúbicos por segundo, cunha altura de 3,5 metros.
As choivas torrenciais caídas nas últimas horas na comarca do Vallès Oriental fixeron subir subitamente o nivel dos regatos de Mogent, con 195 metros cúbicos ao seu paso por Montornès (Barcelona), e a de Tenes, con 171 metros cúbicos en Lliça (Barcelona).
Esa auga derivou no crecemento exponencial do caudal do Besòs, no norte de Barcelona que, en poucas horas, duplicou o volume que rexistrou durante o temporal Gloria, que azoutou Cataluña entre o 20 e o 23 de xaneiro de 2020.
Por outra banda, as precipitacións elevaron tamén ata nivel laranxa o caudal no tramo final do río Llobregat, ao sur de Barcelona, onde arrastra 383 metros cúbicos por segundo.