Publicador de contidos

Publicador de contidos

De chalé de luxo a narcovivenda ocupada en Vigo

De chalé de luxo a narcovivenda ocupada en Vigo

A veciñanza quéixase da inseguridade con asaltos, pelexas e mesmo o corpo dun morto que deixaron na rúa

Denuncian a compra e venda de droga, con presenza de menores e sospeitan que poida haber prostitución

G24.gal 08/10/2026 14:32

Unha muller axexa detrás da cortina. É unha das inquilinas do chalé que no seu día foi unha propiedade de luxo, dun veciño ao que trataban de don. Dende que el marchou, a vivenda foi escribindo a súa propia historia.  

"Aquí había un ocupa que botou once anos e non había problemas con el, Carlos, pero empezou a vir outra xente e botárono fóra", conta unha veciña.

Con esa xente, chegou a droga, o ir e vir de persoas que compran, venden, consomen ... e provocan conflitos.

"Dende as cinco da mañá xa empezan a vir a coller a mercadoría todos os días e todo o día. É un desfile todo o día. Non paran", engade.

"É un desastre porque aquí hai droga mañá, tarde e noite, xente nova e xente maior, mulleres e homes", coincide outra muller.

Dentro non se fan distincións, nin de idade, nin de raza, nin de xénero nin tampouco de deterioro. 

"Entra moita xente, ionquis que se ven que son ionquis pero outros que non o parecen pero chegan ben e pasan dez días e están estragados", lamentan.

Sospeitan que incluso hai menores e temen que poida haber prostitución.  

"Houbo rapaciñas novas, moi novas. Nunha ocasión, ata veu a nai dunha buscala e chamou á policía por dúas veces porque eran dúas rapazas distintas, a nai quería levala pero ela non quixo", lembra unha das poucas veciñas dispostas a falar.  

Nos últimos meses tocoulles vivir o que nunca imaxinaran.

"Rompen os cristais dos coches que están aparcados, baixan polas escaleiras e cagan e mexan, hai uns días pelexou unha parella cuns amigos, ..., todo eso é incrible. Levo vivindo aquí máis de trinta anos, era unha rúa tranquila na que nunca pasara nada e agora hai problemas mañá, tarde e noite".

"Houbo un asalto a unha señora, noutra ocasión quixeron sacarlle o móbil a unha persoa e non puideron, e unha vez baixaron a un rapaz que morreu arriba, trouxérono polas escaleiras e deixárono aí na rúa".

Chaman a policía cada dous por tres, pero chegan, miran e marchan. Seica á espera dunha orde xudicial.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade