Medran os problemas nun inmoble cun narcopiso da Coruña
Vinte horas ás escuras, por mor dun lume no cadro de contadores, foron a pinga que colmou o vaso
Piden que se tomen medidas canto antes para recuperar a tranquilidade e tamén a seguridade
Un incendio no cadro de contadores dun inmoble do barrio da Agra do Orzán deixou sen subministración eléctrica durante case un día enteiro a veciñanza.
"Levamos un susto moi grande. Veu o electricista, pero tampouco está moi seguro. Di que non sabe se foi por unha sobrecarga ou se alguén manipulou o contador. E como temos aí o narcopiso, non se sabe moi ben", explica unha veciña do inmoble.
Un suceso que volve a poñer o foco nos problemas de convivencia que veñen denunciando desde comezos de ano por mor, explican, do narcopiso que hai no inmoble.
"Teñen o patio todo cheo de lixo e isto é un non parar. E agora a xente xa comeza a estar preocupada porque ao arder o cadro de contadores, agora temos medo a que calquera día pase algo moito máis grave".
"Aí entran máis de cen persoas todos, todos, todos os días".
E algunhas delas, din, son agresivas.
"Crúzaste con xente que, ás veces, veñen tan desesperadas que che poden dar un golpe. Onte eu chamei a Policía porque un deulle un golpe á moza do bar".
"Un día, eu ía para casa ás nove e media da noite, porque vivo aí. E no portal había unha moza e dous mozos. Pedinlles, por favor, que me deixasen pasar e ela pegoume un sopapo".
"Ás veces teñen pelexas. De feito, o domingo pasado tivo que vir a policía porque un deles tiña un coitelo".
"A Policía non sae de aquí, pero sen unha orde xudicial non poden entrar".
Un problema que non sofren só os veciños do edificio. Na contorna tamén aseguran ter medo e sentir inseguridade.
"Cada día é peor. Aquí non se pode vivir tranquilo".
"Escapan todos os que poden. Xa houbo dous que venderon os pisos".
"Eu se puidese, marchaba. Pero non é doado marchar co negocio para outra rúa".
Piden que se tomen medidas canto antes para recuperar a tranquilidade e tamén a seguridade.