Publicador de contidos

Publicador de contidos

O choque de dous trens en Exipto deixa 4 persoas mortas e 88 feridas

O choque de dous trens en Exipto deixa 4 persoas mortas e 88 feridas

O accidente ferroviario produciuse na provincia de Giza, a 60 quilómetros do Cairo

G24.gal 08/11/2026 17:13 Última actualización 08/11/2026 17:42

Polo menos catro persoas morreron e 88 quedaron feridas nun accidente ferroviario ocorrido este domingo na rexión do Ayat, na provincia expcia de Giza, a 60 quilómetros do Cairo.

Segundo informan fontes oficiais, dous trens de pasaxe chocaron e varios vagóns descarrilaron tras o impacto. Foi no treito comprendido entre as estacións de Kafr Ammar e Al Raqqa.

Ata o lugar desprazáronse máis de 70 ambulancias, efectivos de Protección Civil, equipos de emerxencia e forzas de seguridade para participar nos labores de rescate e atención ás vítimas.

A Fiscalía abriu unha investigación para esclarecer as causas da colisión mediante a intervención de especialistas, que inspeccionarán o lugar do accidente, analizarán as condicións nas que circulaban ambos os dous trens e solicitarán testemuños.

Problemas de seguridade

O sinistro volve poñer en evidencia os problemas de seguridade que afectan o sistema ferroviario exipcio, onde se rexistraron numerosos accidentes ao longo dos últimos anos.

Entre os factores que contribuíron historicamente a estes incidentes figuran a deterioración das infraestruturas, as deficiencias nos sistemas de sinalización e as dificultades para garantir o mantemento axeitado das vías e do material ferroviario.

Entre os sinistros recentes máis graves están os dous ocorridos en marzo de 2021, ambos os dous cunha vintena de vítimas mortais e centenares de persoas feridas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade