Publicador de contidos

Publicador de contidos

José Trigueros (enxeñeiro): “Hai que facer unha reorganización total de ADIF”

José Trigueros (enxeñeiro): “Hai que facer unha reorganización total de ADIF”

O presidente da Asociación de Enxeñeiros de Camiños sitúa na falta de mantemento e na perda de experiencia técnica a raíz dos problemas de seguridade ferroviaria

Considera inasumibles as 170 incidencias rexistradas no sistema de seguridade LZB e reclama unha auditoría para revisar os protocolos e o funcionamento da rede
 

G24.gal 08/11/2026 09:45

O presidente da Asociación de Enxeñeiros de Camiños, Canles e Portos considera que o accidente de Urda pon de manifesto a “falta total e absoluta de mantemento das liñas de alta velocidade”.

Na entrevista dos domingos da Radio Galega, José Trigueros, indicou que os maquinistas están a levar os trens por debaixo dos estándares marcados porque as liñas de alta velocidade se están a converter en “liñas de velocidade alta”.

Tamén explicou que no accidente de Urda o sistema LZB funcionou porque ó caer parou os trens. Cree que de estar instalado o sistema ERTMS, o estándar europeo de seguridade avanzada, podería ter acontecido o mesmo.

“O ERTMS podería estropearse igualmente e tería acontecido o mesmo. O sistema LZB é totalmente seguro se se mantén e se se conserva, coma todos. O LZB funcionou porque parou o tren, como o tería parado o ERTMS pero se despois o deixamos pasar acontecería o mesmo”

Con todo, o experto non considera asumible que un sistema de seguridade falle 170 veces, como foi o caso do LZB.

“Hai unha falta total e absoluta de mantemento das liñas de alta velocidade e neste caso púxose de manifesto, por desgraza, con mortos… Se di un ministro que hai un sistema que falla 170 veces, iso non é un sistema de seguridade. Incluso no treito no que se produce o desgrazado accidente hai 14 fallos”

O enxeñeiro cre que cómpre facer unha “reorganización  total e absoluta do ADIF”, a entidade pública empresarial que xestiona a infraestrutura ferroviaria. Un ente, explica Trigueros, outrora insigne que construiu o tren da Meca, que optou a contratos en California e en Inglaterra.

“Case diría que a politización de ADIF é a raíz do problema. Teña en conta que se xubilou o 40% do cadro de persoal nos últimos seis anos. Xubiláronse anticipadamente cinco mil persoas, xente que sabeo ‘know-how’, que sabe como tratar aqueles problemas de conservación e de explotación dunha liña férrea e que non transmitiron este coñecemento ás novas xeracións”

José Trigueros fala dunha “descualificación importantísima” no ADIF “empezando pola cabeza”.

“Catro presidentes en catro anos e a partir de aí toda unha lista de nomeamentos. Todos magníficos profesionais no seu traballo pero que non teñen relación nin experiencia no sector ferroviario”

O presidente da Asociación de Enxeñeiros de Camiños pide priorizar o mantemento e a conservación das vías e mesmo ampliar a franxa horaria nocturna na que se realizan estes traballos.

Preguntado polo borrador do convenio entre o Adif e o Estado no que o xestor ferroviario prevé unha deterioración do servizo daquí a 2030, Trigueros pide que prime a seguridade e que se informe aos cidadáns.

“O que dende logo non foi afortundada foi a xestión pero empecemos de novo, reseetemos a nosa rede de ferrocarril, fagamos unha auditoría forense para ver os protocolos, actualicémolos e se temos que parar, paremos. O que non pode ser é que montarse nun tren de alta velocidade sexa unha ruleta rusa”

José Trigueros pide que as decisións sobre o mantemento das vías sexan “totalmente técnicas” e que as tomen expertos con “solvencia e experiencia”.

Con respecto ás obras de renovación do corredor Madrid-Barcelona, o enxeñeiro non é partidario de pechar a liña por completo pero cre, en todo caso, que non deben ser os políticos os que tomen este tipo de decisións.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade