As celebracións con personalidade collen pulo no sector das vodas
Volven aumentar os casamentos en Galicia: máis de 9.700 matrimonios formalizáronse o ano pasado
Os casoiros íntimos e pequenos conviven cos grandes, e os de día cos que se celebran á noitiña
A décima novena edición de Vigovodas, que se celebra hoxe e mañá aquí no IFEVI, é un escaparate das modas e das tendencias na organización dos casamentos.
Unha parte deste evento ofrece demostracións de maquillaxes, concertos, desfiles pero o preponderante aquí é a actividade comercial, o contacto directo dos visitantes que xa pensan en voda cos proveedores, desde fotógrafos a axencias de viaxes ou xoieiro.
E aínda que estamos nun momento en que non hai un tipo de voda stándar nin vodas demodé o que si atravesa cada decición dos noivos é o de crear casamentos con personalidade, auténticos, que os invitados as lembren e que teñan presenza nas redes sociais.
Dun lustro a esta parte os noivos e as noivas chegan aquí coas cousas máis claras. As familias, os entornos xa non opinan porque as parellas queren celebracións que os representen.
"Buscan facer algo moi persoal, que sexa distinto da voda do seu amigo. E eu noto que os proveedores chegan xa os noivos con imaxes, con vídeos, de Pinterest, de Instagram", conta a TVG Jorge Ferrera, organizador da XIX Feira Vigovodas.
Paula Boto fuxe do termo organizadora de vodas. Esta mañá coversa cunha parella que contratou os seus servizos.
"As vodas hoxe son moito máis persoais. Así que nós, cando preparamos unha voda, o primeiro que facemos é ter unha reunión con eles, cos noivos. E eu convértome na súa mellor amiga, na amiga cotilla, a que todo quere saber. Porque quero que a súa voda sexa un reflexo do que eles son", explica Paula Botto, de "Galicia en voda".
"A inspiración é nosa. Pero ela é a que nos axuda a levalo a cabo, e guiala para que sexa unha voda elegante e que non sexa un desastre" reflexiona Anxo Bernárdez, que casa en maio de 2027.
Os traxes das noivas, o segredo mellor gardado, comparten protagonismo cos dos noivos.
"O que queren os noivos é un asesoramento. Eu fágolles moitas preguntas para coñecer o seu estilo e sobre o que me piden intentamos escoller o mellor posible para que estean a gusto", explica Iván Iglesias, o dono da tenda de roupa e complementos de noivo "Iván Cross", en Vigo.
E non pode faltar unha creadora de contidos, como Lidia, que vai polas vodas teléfono en man, canda os fotógrafos e os cámaras...
"Sempre e cando non interfiras no traballo do profesional do vídeo e do profesional da fotografía eu estou para recopilar os momentos máis importantes, que sexan maioritariamente instantáneos, mentres os noivos agardan despois da voda polo traballo profesional ti xa podes ir subindo cousas ao Instagram, ao Tik-Tok...", matiza Lidia García, encargada das redes sociais para "Yago Iglesias Fotografías"
Pero nunha feira representativa dos sectores implicados na organización dunha voda o imprescindible é o amor, que aquí no IFEVI, está no aire.