Día grande no feirón de Sabarís: o festivo multiplica a afluencia ao mercado dos luns
Milleiros de persoas buscan ofertas animadas polo sol na tradicional feira de Baiona
O Concello acaba de abrir o prazo para a renovación das licenzas dos postos para 2027
Aberto, e cheo, por festivo. A Hispanidade multiplica o caudal no río de xente na feira de Sabarís, en Baiona. Como se fose un luns de xullo, cando a zona está ateigada de turismo, este 12 de outubro o mercado volveu estar a tope. Ata custaba camiñar entre os postos.
"Hai moita xente máis que hoxe non traballa e vés con máis ganas, con máis iliusion, sabendo que podes vendr algo máis, si", confirma un vendedor.
"Levo de todo, bolsos, roupa, calzado", conta unha moza que ensina os dous bolsos que acaba de mercar.
O sol fai estraño mercar hoxe roupa de abrigo. Só os máis precavidos saben que xa estamos en outono e que unha feira coma esta é un lugar axeitado para atopar ofertas de prendas para o inverno.
"Merquei unhas zapatillas, un pantalón, e estou agardando a que me traian unha chaqueta para o meu irmán", di unha muller.
Porque, como na maioría dos mercadiños, a roupa e o calzado son aquí tamén os reis dos postos. Pero en Sabarís hai tamén produtos para cada temporada.
"Pois hoxe é xa tempada de repolo, estamos coa cebola, coa semente do grelo, xa empeza a faba", explica a responsable dun posto de venda de produtos agrícolas.
"Levo un pouco de pan artesán, un pouco de pan de millo e un pouco de trigo. E despois compras menudas, trangalladas, para os nenos, zapatillas para o colexio, trangalladas", mostra cun sorriso un home que vai cargado con varias bolsas.
A de Sabarís é unha das maiores feiras do sur de Pontevedra. O Concello de Baiona acaba de abrir o prazo para a renovación das llicenzas dos postos para o ano que vén.
"E damos grazas a Deus polo que dá e polo que non dá. É un traballo marabilloso, no que se gaña pouco, pero é marabilloso estar en contacto coa xente. É precioso, só che podo dicir iso", resume Samuel, un vendedor do Porriño.
Só que agora hai que dicilo en máis idiomas. Baiona forma parte do Camiño Portugués pola Costa, que leva cada vez máis turistas a peregrinar, tamén, pola súa feira.