A Feira do Libro Antigo e de Ocasión da Coruña recibiu ata 12.000 visitantes ao día
O encontro, que fixo 35 anos, é dos preferidos entre os libreiros do sector
Os compradores veno coma unha oportunidade para dar con xoias, rarezas e gangas literarias
A Feira do Libro Antigo e de Ocasión da Coruña é das preferidas dos libreiros do sector.
"Para nós é a mellor de Galicia, a máis forte", afirma Juan Carlos Cachón, da librería Madrid Book.
"Eu levo vindo máis de 30 anos e a min A Coruña sempre me respondeu ben", conta Adolfo Suárez, da librería Cajón desastre de Ponferrada.
"Na Coruña hai moita paixón polo libro e polas librerías, e nótase", asegura Javier Pereira, da librería Arcadia.
"É unha cidade á que lle gustan os libros e é un gusto estar na feira da cidade", engade Daniel Blasco, da librería A Tobeira de Oza.
Tamén é un encontro destacado para moitos lectores.
"Sempre é unha oportunidade de descubrir xoias antigas e clásicos que nunca morren", subliña unha rapaza.
"Sempre encontras cousas interesantes que che gustan", mantén un visitante.
"A min gústame a novela histórica e na feira do libro antigo encontro máis", puntualiza outra lectora.
A piques de rematar a feira aínda quedan xoias por vender, coma este libro de gravados de Os desastres da guerra de Goya.
"Quen ten isto é como o que ten un cadro de Sorolla, ten algo único", asevera Luis Cantero Lorca, de Lorca Libros.
Entre as curiosidades tamén damos cunha primeira edición, con máis dun século, da historia política de Picadillo.
"Está escrito polo propio Picadillo, que como moitos saen foi alcalde da Coruña e pasou á posteridade en boa medida por un libro seu de cociña",explica Javier Pereira, da librería Arcadia.
A feira é ademais unha oportunidade para facerse con gangas, aínda que algunhas voaron nos primeiros días.
"A Iliada, por exemplo, era un libro de oferta, a cinco euros, e debido á película vendéronse todos os exemplares rápidamente", relata o libreiro Adolfo Suárez.
De feito, os libreiros aseguran que non faltan lectores.
"Din que a rapazada non le. Eu desmíntoo. Le ou polo menos merca libros e interésalle a lectura", manifesta o libreiro Daniel Blasco.
O sector subliña, iso si, que precisa ser máis potenciado.
"Hai máis bares en Santiago de Compostela que librerías en toda España", advirte o libreiro Adolfo Suárez.
Os libreiros recórdanos que hai vinte anos había máis de 5.000 librerías e que hoxe non chegan a 3.000.