Pídenlle 12 anos de cadea por agredir sexualmente unha nena de 4 anos, filla da súa parella, en Lugo
Pídenlle 12 anos de cadea por agredir sexualmente unha nena de 4 anos, filla da súa parella, en Lugo
A nena, que comezou a ter unha conduta agresiva, contou que o acusado lle pegaba e que a tocaba por baixo da roupa interior, e tamén mencionaría un suposto xogo "das princesas"
O acusado só admitirá que lle deu un azoute á nena nunha ocasión, pero non recoñecerá o resto de acusacións
A Audiencia Provincial de Lugo acolleu este luns o xuízo contra un home acusado de maltratar e agredir sexualmente á filla da súa parella, unha nena que tiña catro anos no momento dos feitos. O acusado, que non se atopa en prisión, enfróntase a cargos por tres delitos de malos tratos no ámbito familiar, un delito de malos tratos habituais e un delito continuado de agresión sexual a menor de 16 anos.
Segundo a acusación, os feitos producíronse entre finais de 2022 e setembro de 2023, tanto no domicilio no que convivían como en diferentes lugares públicos. Entre os episodios de malos tratos que se atribúen ao acusado figuran unha labazada á menor no HULA, no servizo de Atención Temperá, un golpe no pescozo e outro episodio en que supostamente a agarrou dunha orella e do pelo, na rúa e nun bar.
Ademais destes feitos, a acusación sostén que o home mantiña cos nena comportamentos de carácter sexual. Entre eles atópanse, segundo o relato levado ao xuízo, ducharse con ela, bicala na boca e tombarse xunto á menor mentres lle dicía que estaban a xogar "ás princesas".
Durante a vista declarou unha amiga da nai da nena, que tamén era compañeira desta e exercera como coidadora da menor. A muller relatou que antes de converterse en coidadora xa observara comportamentos que consideraba bruscos por parte do acusado cara á nena, como agarrala do brazo e corrixila de forma abrupta en público.
A nena volveuse agresiva
Segundo explicou, posteriormente percibiu un cambio no comportamento da menor. A nena comezaría a mostrar condutas agresivas, especialmente con outros menores, ademais de negarse a comer e pegar a persoas da súa contorna, entre elas a súa nai e a propia coidadora.
A muller relatou que comezou a facerlle preguntas á nena e que esta lle contaría que o acusado lle pegaba e que a tocaba por baixo da roupa interior. Tamén mencionaría o suposto xogo "das princesas". Segundo o testemuño achegado na vista, a menor relataría que durante as duchas o acusado tocábaa e introducíalle a man por baixo da roupa interior.
A testemuña tamén explicou que a nai da nena lle contara que o acusado e a menor xogaban a espertarse mediante bicos na boca con lingua.
O xuízo contou coas declaracións de varios peritos, entre eles psicólogos e psiquiatras que intentaron dar luz sobre este caso e profesoras da nenas, mentres se espera a declaración do acusado, que nega os feitos, como avanzou o seu avogado, e que dará a súa versión en último lugar.
O letrado afirmou que o seu defendido recoñecerá dar un azoute á nena nunha ocasión, pero non recoñecerá o resto de acusacións que considera que non se axustan á verdade do sucedido.
A Fiscalía solicitaba inicialmente sete meses de prisión por cada un dos tres delitos de malos tratos, o que supoñía un ano e nove meses de prisión, alén de seis anos polo delito de agresión sexual e outro ano e 9 meses polo de malos tratos habituais, o que supón un total de 9 anos e medio. Antes do comezo da vista, a fiscal modificou as súas conclusións e elevou a petición por este último delito ata os nove anos de prisión, polo que o home se enfronta a unha petición de 12 anos e medio de cárcere.
Ademais, a Fiscalía solicita dez anos de afastamento e vixilancia e outros tantos de limitación da patria potestade e para o exercicio de profesións vinculadas a menores.
A acusación particular expón tamén penas de prisión polos distintos delitos de ata 9 anos e unha indemnización de 10.000 euros, fronte aos 12.000 euros reclamados polo Ministerio Fiscal.