Galicia ampliará a vacinación contra a meninxite cunha nova dose aos 12 anos
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, asegura que desta maneira os nenos e nenas galegos serán "os mellores protexidos do mundo"
Besteiro acusa a Rueda de acometer unha "demolición programada" do sistema sanitario público en Galicia
Rueda felicítase pola desconvocatoria da folga en Atención Primaria e repróchalle á ministra que leve meses sen negociar
Galicia vai ampliar o seu calendario de vacinación infantil contra a meninxite cunha nova inmunización aos 12 anos fronte ao meningococo B, que se sumará á que xa se fornece aos bebés, e á tetravalente que xa se dispensa en dúas idades distintas.
Segundo informou o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, na sesión de control ao Goberno do pleno do Parlamento, desta maneira os nenos e nenas galegos serán "os mellores protexidos do mundo", xa que Galicia continua sendo "pioneira" coa vacinación infantil e atópase "á cabeza de España e de Europa", afirmou.
En resposta a unha pregunta do secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, Rueda anunciou esta nova vacina contra a meninxite, en concreto contra o meningococo B, que se administrará "a todos os nenos e nenas galegos cando teñan 12 anos".
En Galicia xa se fornecen dúas vacinas contra a meninxite: unha tetravalente que se dispensa aos 4 e 12 meses e aos 12 anos e unha fronte ao meningococo B que se fornece en tres dose aos bebés, a que agora se ampliará cunha única dose aos 12 anos para os nenos que teñan completa a pauta infantil, e dúas dose para os que non.
O anuncio chega co fondo do gromo de meninxite que afecta o surleste de Inglaterra, onde provocou varios falecementos, e a recente morte dunha adolescente en Alacant a causa desta enfermidade, xunto coa convicción de que é preciso reforzar a prevención fronte a enfermidades infecciosas.
"Asistimos a unha demolición programada do sistema de saúde pública no noso país"
Na sesión, o líder do PSdeG acusou o presidente da Xunta de acometer unha "demolición programada" do sistema de saúde pública do noso país cun incremento das listas de agarda na atención primaria e tamén na hospitalaria. "Nas esperas das probas diagnósticas hai pacientes que xogan a vida e a morte", asegura José Ramón Gómez Besteiro, "e, mentres, os seguros privados medran un 20 %".
O presidente galego insiste en que a valoración do sistema sanitario público en Galicia é superior á media nacional e felicitouse polo fin da folga de Atención Primaria en Galicia. "A outra non podemos solucionala, porque depende dun ministerio que non lles fai ningún caso".
"Leva meses negándose a negociar", afirma Rueda, "eu recoméndolle que sexa menos de Más Madrid e máis de Máis Galicia".
O presidente recoñece que "a sanidade ten problemas" pero que o nivel de satisfacción na nosa comunidade "está por riba da media nacional".