Galicia alcanza o 52% da cobertura de vacinación fronte á gripe en nenos
Un total de 2.104 nenos de entre 6 meses e 11 anos inmunizáronse nas xornadas extraordinarias de vacinación organizadas
Galicia alcanza xa o 52% da cobertura de vacinación fronte á gripe na poboación infantil. Un total de 2.104 nenos de entre 6 meses e 11 anos inmunizáronse nas xornadas extraordinarias de vacinación organizadas os pasados días 5 e 6 de decembro nos hospitais do Sergas.
Nesta convocatoria extraordinaria, nos hospitais comarcais, vacinouse aos nenos o venres pola tarde de 16 a 20 horas. O resto de hospitais públicos vacinaron o venres nese horario e, a maiores, na xornada do sábado de 10 a 14 horas e de 16 a 20 horas.
Así, no da Coruña vacinouse a un total de 137 mozos; no de Ferrol, 91; no de Lugo, 213; no de Ourense, 148; no de Santiago de Compostela, 648; no de Pontevedra, 218, e no de Vigo, 325.
Polo que respecta aos hospitais comarcais, no de Barbanza, vacinouse a 79 mozos; no da Mariña, 60; no de Monforte de Lemos, 55; no do Barco de Valdeorras, 14; no de Verín, 22; no do Salnés, 73; e no hospital Virxe da Xunqueira de Cee, 21.
As xornadas extraordinarias de vacinación dos días 5 e 6 de decembro sumáronse ás celebradas a fin de semana anterior, en que foran convocadas para ser inmunizadas as persoas de entre 60 e 69 anos.