Arde un autobús en Sanxenxo tras unha avaría mecánica
Aconteceu a primeira hora da mañá en Vilalonga, cando os pasaxeiros avisaron de que ardía a parte traseira do vehículo
Non se rexistraron feridos
Eran as 6:45 da mañá cando o autobús de transporte interurbano facía a ruta Pontevedra- O Grove. Cando os pasaxeiros se decataron avisaron o condutor do que acontecía. A pasaxe, máis dunha ducia persoas, desaloxou e non sufriu dano ningún.
"Empezou a saír fume, moito, moito fume e alguén pensou que era o tubo de escape pero non era posible porque empezou a cheirar moito a queimado e avisamos ao condutor de que algo ía mal e xa saímos todos xuntos". "Pillounos a primeira hora da mañá e non contabamos con iso e aínda por riba ao saír e ver todo o fume, meteunos un susto fatal".
Susto contado en primeira persoa polos protagonistas, os pasaxeiros que ían sentados na parte de atrás.
Dentro, máis dunha ducia de pasaxeiros, a maioría adolescentes que van ao instituto a Pontevedra. Saíron á carreira, co medo de quen non sabe que está a pasar.
"Dixeron o tubo de escape pero empezou a entrar o fume e eu dicíalle á xente que apartara para que non respirara o fume porque era perigoso". "Empezou a cheirar moito e saímos e empezou a arder a parte de atrás. O condutor colleu o extintor e apagou un par de veces pero había moito fume. El dixo que fora, de súpeto, un fallo no motor".
A rápida intervención de quen levaba os mandos do volante evitou males maiores.
"Outro compañeiro baixou e axudoulle. Baleiraron dous extintores, pero aínda así non foron capaces de aliviar o fume ata que chegaron os bombeiros". "Tiñamos o pensamento de que podía estoupar porque estaba ardendo todo o motor e o condutor tamén parecía un pouco nervioso". "O susto foi importante e eu agonieime porque o condutor estaba moi preto e dábame medo quedar sen condutor".
Sorte que cadrou nunha parada e antes de que o bus se enchera. É unha ruta moi demandada a esas horas. Cadaquén buscou a vida como puido.
"Se chegamos a ser máis, ía ser unha loucura". "Outro compañeiro parou e repartiron a xente. Outros buscáronse a vida con familiares porque chegaban tarde ao traballo".
Son pasaxeiros de diario, aos que lles tocará seguir facendo a mesma ruta. Hoxe mesmo para volver á casa. Sen medo pero mirando polo rabo do ollo.
"Temos que volver a coller o mesmo bus, á mesma hora e o mesmo traxecto. A ver se non cheira a queimado e non hai fume".
Durante máis de tres horas a circulación viuse alterada, ata que un guindastre levou rodando o autobús.
O propio condutor logrou controlar o lume, e os bombeiros do Salnés acabaron de sufocar o fume, mentres que outro autobús recolleu os pasaxeiros pouco despois para completar a viaxe.
Tamén se mobilizaron Policía Local e Garda Civil, que regularon o tráfico o carril da estrada PO-550 para que un guindastre puidese retirar o vehículo.
Todo apunta a unha avaría mecánica como a orixe do incendio.