Un home admite que drogou e violou á súa esposa durante máis de 20 anos no Reino Unido
Ademais do cónxuxe, outros doce homes acusados negaron cometer múltiples delitos sexuais contra esta mesma muller entre 2018 e 2025
Protesta ás portas do xulgado de Mánchester (REUTERS/Temilade Adelaja)
Un británico duns 60 anos admitiu este luns ante un tribunal de Mánchester (noroeste de Inglaterra) cometer máis de sesenta delitos sexuais contra a súa esposa, entre eles, drogala e violala sen o seu consentimento durante máis de 20 anos.
O sospeitoso -cuxa identidade non transcendeu para manter a privacidade da súa muller- declarouse hoxe culpable ante o xuíz de 45 dos cargos que se lle imputaban, entre eles 16 de violación, nove de agresión sexual con penetración ou un por administración dunha substancia con intención delituosa, cometidos entre 2004 e 2025.
Estes únense a outros 15 delitos sexuais cometidos entre 2022 e 2025 que xa admitira a comezos deste ano nunha vista anterior.
Outros doce acusados
Alén do cónxuxe, outros doce homes acusados, de entre 28 e 74 anos e maioritariamente británicos, negaron cometer múltiples delitos sexuais contra esta mesma muller entre 2018 e 2025. Un décimo terceiro si admitira cargos desta índole con anterioridade.
A muller escoitou a declaración do seu esposo desde a primeira fila da tribuna do público, rodeada dos seus familiares.
"O noso obxectivo segue sendo apoiar á vítima desta horrible campaña de abusos ao longo dunha investigación moi complexa", comentou hoxe o subcomisario da Policía do Gran Mánchester, Rick Jackson, que apuntou que esta muller continúa recibindo "apoio especializado".
Ademais, fixo un chamamento a todas aquelas mulleres que puidesen ser vítimas de abuso sexual facilitado con drogas: "Saiba que non necesita probas, certezas nin un recordo nítido para que se lle tome en serio".
"Non se espera que comprendas exactamente o que sucedeu nin quen estiveron involucrados para que te tomen en serio. Se cres que algo sucedeu, por favor, repórtao ou pide axuda", indicou Jackson.