Publicador de contidos

Publicador de contidos

Trump suxire que podería retirar o seu apoio á soberanía británica das illas Malvinas

Trump suxire que podería retirar o seu apoio á soberanía británica das illas Malvinas

A prensa británica británica cre que Trump quere presionar Londres para que aumente o seu gasto en defensa

G24.gal 31/08/2026 22:50

 O presidente de Estados Unidos, Donald Trump, suxeriu este luns que podería retirar o apoio estadounidense á soberanía británica sobre as illas Malvinas, reclamadas historicamente por Arxentina.

"Sempre reviso todas as posicións. Esa é apenas unha entre moitas", respondeu Trump á prensa no Despacho Oval ao ser preguntado sobre este asunto.

As declaracións de Trump prodúcense despois de que medios británicos publicasen que a súa Administración estaría considerando retirar o seu apoio á soberanía británica sobre as Malvinas para presionar Londres a aumentar o seu gasto en defensa.

Segundo o diario londiniense The Telegraph, esta proposta figura entre a lista de medidas que está elaborando o Pentágono como coacción para alcanzar o compromiso de gasto do 5 % na OTAN.

Aínda que a postura oficial de Estados Unidos sobre as Malvinas é de neutralidade e non apoia explicitamente a soberanía británica, si que recoñece a administración 'de facto' que Londres exerce sobre o arquipélago.

A pugna histórica entre Arxentina e o Reino Unido derivou nun conflito armado entre o 2 de abril e o 14 de xuño de 1982, que concluíu coa rendición do país suramericano e coa morte de 649 arxentinos, 255 británicos e tres malvinenses.

Desde entón, o Reino Unido rexeitou as reclamacións arxentinas sobre as illas, malia os reiterados chamamentos ao diálogo das Nacións Unidas, que considera que as Malvinas son un dos territorios "pendentes de descolonización".

En marzo de 2013, as preto de 3.000 persoas que viven nas Malvinas apoiaron nun referendo, con máis do 99 %, continuar como territorio británico.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade