Unha póla atravesa o tellado da icónica capela de San Fins, en Cabana de Bergantiños
A ramaxe fendeu o teito, pero respectou a estrutura do templo
Veciños e devotos agardan que estea reconstruído para a romaría do Berro Seco
O temporal deixa sen teito un dos templos máis coñecidos e queridos da Costa da Morte.
"Cando me avisaron a iso das nove da mañá non imaxinaba o que ía atopar, a imaxe é impactante", explica Liller Alexander Carrillo, o párroco de Cesullas.
"Eu creo que non foi un raio, foi o vento fortísimo que soprou e tirou a póla que estaba preto do tellado e tronzou", engade Manuel Gil, presidente da Comisión de Festas de San Fins de Castro.
"As árbores que rodean a capela son moi vellas e poden romper por podremia. Pero esta parece que estaba sá", di un veciño.
A póla do bidueiro respectou a estrutura e o campanario da ermida. Pero fendeu o tellado do templo para desgusto dos veciños de Cesullas.
"A xente cando me chamou para contarmo estaba emocionada, choraba".
"Para nós é unha pena, a capela é case como a nosa casa e levámola dentro porque é a do noso San Fins".
Por sorte, ou por milagre para os fieis, o altar quedou intacto e tampouco saíu danada a imaxe do patrón.
"Salvouse porque non estaba aquí, sempre o trasladan uns días despois da festa para a igrexa parroquial".
A histórica capela, dependente do arcebispado de Santiago, xa tiña un proxecto para arranxar o tellado. Así que agora haberá que retomalo e con máis motivo.
"Non sabemos data, tampouco depende de nós nin do señor párroco. Isto ten os seus tempos e precisa uns permisos".
Pero postos a pedir, piden que estea reconstruída para o 1 de agosto, o día do San Fins, cando milleiros de devotos acoden á romaría do Berro Seco.