Publicador de contidos

Publicador de contidos

O primeiro temporal do outono deixa atrás máis de 400 incidencias en Galicia

O primeiro temporal do outono deixa atrás máis de 400 incidencias en Galicia

A maior parte das intervencións estiveron causadas por dificultades na circulación por árbores e pólas caídas nas estradas

Árbore caída en Sanxenxo
G24.gal 30/09/2026 10:46 Última actualización 30/09/2026 11:15

O primeiro temporal do outono, con chuvia e fortes refachos de vento, deixou 406 incidencias xestionadas polo 112 Galicia entre as 11:00 horas do martes e as 6:00 do mércores, coa Coruña como a provincia máis afectada.

O Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) recibiu 2.122 chamadas nese período, informa o 112 Galicia.

Na provincia da Coruña rexistráronse 192 incidencias, ás que se sumaron 142 en Pontevedra, 52 en Lugo e 19 en Ourense.

Entre os municipios con maior número de actuacións destacaron Vigo (24) e A Coruña (16), mentres que A Estrada e Pontevedra rexistraron once incidencias cada un e Bergondo nove.

A maior parte das intervencións (188) debéronse a dificultades na circulación por árbores e ramas caídas nas estradas.

Tamén foron relevantes as actuacións por prevención de riscos (59), os avisos por carteis, pancartas ou sinais de tráfico caídos (34), as incidencias por restos de accidentes ou obxectos nas vías (30) e os avisos por cables de luz ou teléfono afectados (22).

Durante o martes mantívose activa unha alerta laranxa costeira que, inicialmente limitada ao litoral oeste da Coruña, estendeuse despois ao suroeste da provincia e a todo o litoral de Pontevedra, xunto cunha alerta laranxa por choivas no oeste e suroeste da Coruña. Os refachos de vento chegaron a rozar os 150 quilómetros por hora na Gándara, no municipio coruñés de Vimianzo.

Tamén estiveron vixentes alertas amarelas por choiva e vento en distintas zonas de Galicia.

Nestes momentos todas as alertas por meteoroloxía adversa están desactivadas e a comunidade está en situación de normalidade.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade