Publicador de contidos

Publicador de contidos

Medio século da traxedia do Xiabre: tres militares mortos en misión contra o lume

Medio século da traxedia do Xiabre: tres militares mortos en misión contra o lume

O hidroavión no que voaban estrelouse nunha operación de descarga de auga no monte arousán

Un monolito no lugar dos feitos lembra o accidente que conmocionou a poboación da comarca

Vilagarcía réndelles homenaxe aos falecidos o vindeiro mércores nunha cerimonia no monumento

 

Imaxes de Rafael Sabugueiro Gestal gravadas o día da traxedia Imaxes de Rafael Sabugueiro Gestal gravadas o día da traxedia
G24.gal 25/10/2026 13:10 Última actualización 25/10/2026 22:22

Era o 8 de setembro de 1976 cando a traxedia golpeou as saias do monte Xiabre, en Vilagarcía de Arousa. Tres militares perdían a vida tras estrelarse un hidroavión que participaba nunha misión de loita contra o lume.

A aeronave, un Canadair CL-215 do entón 404 Escuadrón das Forzas Aéreas, engalara de Santiago e realizaba operacións de descarga de auga sobre a zona afectada. Pero nunha das súas manobras, algo non saíu ben.

Segundo as crónicas da época e as reconstrucións oficiais, o avión sufriu un fallo mecánico e comezou a perder altura e estabilidade de xeito vertixinoso.

Aínda que a súa tripulación intentou remontar o voo, o hidroavión acabou impactando contra un eucalipto, perdendo unha das súas ás polo forte golpe, antes de estrelarse na aba, moi preto das vivendas da zona.

Os seus tres ocupantes faleceron no impacto. Eran o alférez José Luis Herráiz Soria, o brigada José Cachafeiro Ramón e o sarxento primeiro José Pérez Belmonte.

Imaxes de Rafael Sabugueiro Gestal gravadas o día da traxedia Imaxes de Rafael Sabugueiro Gestal gravadas o día da traxedia

Monolito de lembranza

Cando os primeiros veciños chegaron ao lugar do accidente, alertados pola explosión e o fume, a aeronave xa quedara reducida a ferralla e había restos esparexidos por toda a ladeira.

Os corpos dos tres ocupantes apareceron na cabina, calcinados, confirmando que non había sobreviventes. Esta traxedia provocou unha profunda conmoción en Vilagarcía e en toda a comarca.

Aquel día, moi preto de alí, celebrábanse as festas patronais de Guillán e o accidente quedou vinculado desde entón á memoria colectiva da localidade.

Ao ano seguinte, o entón Instituto Nacional para a Conservación da Natureza (ICONA) inaugurou un monólito no lugar do sinistro para lembrar os tres aviadores.

O monumento permanece desde entón como espazo de homenaxe para recoñecer o servizo e o sacrificio dos tres integrantes da tripulación e, por extensión, de todas aquelas persoas que perderon as súas vidas "en defensa dos bosques de España".

Imaxes de Rafael Sabugueiro Gestal gravadas o día da traxedia Imaxes de Rafael Sabugueiro Gestal gravadas o día da traxedia

Homenaxe aos militares

Coincidindo co cincuenta aniversario do sinistro, Vilagarcía de Arousa renderalles homenaxe aos tres militares que faleceron aquel fatídico día. Será o vindeiro 28 de outubro, a partir das 11:00 horas, nunha cerimonia xunto á obra conmemorativa.

A convocatoria contará con representantes do Aeródromo Militar de Santiago, o 43 Grupo das Forzas Aéreas, o Escuadrón de Vixilancia Aérea número 10, o Vicariato Castrense da Coruña e a Banda de Guerra da Brigada Galicia VII.

Tamén está prevista a asistencia de familiares e amizades dos falecidos. Un dos momentos salientables será a pasada aérea dun avión do 43 Grupo, unidade vinculada aos labores de extinción de incendios forestais.

O do monte Xiabre foi o primeiro accidente con vítimas mortais que tivo esta unidade de elite das forzas aéreas desde a súa creación no ano 1971.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade