A astenia de outono, a sensación de esgotamento desta época do ano
Non adoita durar máis de dúas semanas
Para superala cómpre manternos activos
Os días son máis curtos, as temperaturas máis frescas, as vacacións vémolas máis lonxe que nunca. Coa chegada do outono semella que, por momentos, o corpo nos abandona.
"Síntome moito máis canso, todo o día, sen ganas de facer nada en todo o día", comenta un mozo. "A min pasoume toda a vida", admite un home de máis idade.
Chámase astenia estacional, pero, tranquilos, non é grave nin crónico. "Adoita durar entre uns poucos días a como moito dúas semanas", conta Carlos Vila, do Centro de Psicoloxía Claves de Santiago.
A astenia tamén é selectiva. Hai quen non a sofre en absoluto: "Eu estou igual", di un home. "Eu ata descanso mellor", engade outro.
E tamén hai quen só a padece noutra estación do ano: "A min en outono, non, pásame en primavera, estou esgotada, sen forzas", confesa unha muller.
E como actuar ante a aparición da astenia estacional? Desde logo, sen baixar os brazos: "Convén manter o contacto social e, de ser posible, facer exercicio aínda que non apeteza", apunta Carlos Vila.
Se persiste o esgotamento, debemos ir ao médico, porque daquela igual estamos falando doutro problema maior.