O outono instálase nas cidades coa chegada dos postos de castañas
A locomotora dos castañeiros regresou á praza de Lugo da Coruña
Quizais xa o notaron no ambiente. O arrecendo das castañas asadas na rúa sitúanos irremediablemente no outono e esperta recordos de tardes frías, mans quentes e sabores de sempre.
É a postal urbana do outono coruñés, unha pequena locomotora que chega puntual cada outubro, conectando a cidade cos soutos. O inconfundible recendo tostado das castañas ocupa o aire e esperta apetencias.
"Este posto está aquí todos os anos, é algo típico, vimos con moitas ganas de probalas". "Iamos entrar na Fnac, pero sentimos o olor e xa me entraron ganas de mercalas", comentan na cola.
Desde sempre as castañas asadas, quentes e deliciosas, axudan a arredar o frío nos meses máis rigorosos. Neste inicio outonal de temperaturas impropias e precipitacións ausentes son igualmemte benvidas.
"Gústannos moito e as castañas galegas teñen moita sona, son moi ricas". "Cando vai frío quecemos as mans coas castañas. A nós encántanos e á nosa filla tamén. Estas que mercamos son para a nena", dinnos.
Aquí aínda as venden nos cornetes de toda a vida. A tradición non se perde e as colas non han tardar en chegar ao posto de castañas da praza de Lugo.