"Só queda unha unidade", as mensaxes que incitan a mercar con urxencia
Son prácticas, en xeral, enganosas que manipulan a decisión de compra
Europa quere prohibir estas estratexias comerciais realizadas a través de Internet
Ter interese por mercar algún produto en Internet e ver mensaxes coma estas supón moita presión para os consumidores.
"Si, ás veces póñente un pouco como na tesitura, ou o collo xa ou quedo sen nada".
"Pasoume, non?, cando hai algo que preciso e che din que queda un dispoñible, e aí dis: 'Aaiii!, lévoo xa?', ou agardo un toque máis?", relatan unhas consumidoras dixitais.
Polo xeral son prácticas comerciais, falsas, enganosas, tácticas de urxencia que manipulan a decisión de compra.
"Eu non o creo, cando me sae algunha cousa desas é que non o creo, digo: mira, eu non caio, non, non quero que me estafen".
"Penso que ao mellor debería estar regulado, porque si que fai que compres máis rápido".
Pois niso está a Comisión Europea. Esta semana presentou unha proposta lexislativa, unha iniciativa denominada Regulamento de Equidade Dixital, para reforzar a protección dos consumidores en Internet. Entre outras propostas, quere prohibir as falsas alertas de produtos a punto de esgotarse.
"Si, poderían prohibilo, pero, vaia, que moitas veces son mentira e tamén está en función da persoa crelo ou non, pero si estaría ben que o prohibisen".
"A min non me afectaría, a min dáme igual que quede un, que se non o quero non o compro".
A proposta tamén contempla novas obrigas para as empresas que ofrecen subscricións dixitais que pasan por facilitar a cancelación mediante procesos máis sinxelos e informar con claridade antes das renovacións automáticas.