Ata 27 anos por atracar dous bancos en Vilaboa e Pazos de Borbén
Os roubos con intimidación foron a finais do ano 2023, un dos tres acusados faleceu e outro está no cárcere e ten outro xuízo penal o luns en Vigo
Intimidaron e ataron empregados e clientes das entidades bancarias
Non houbo acordo de conformidade e a sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra en Vigo sinalará para febreiro o marzo o xuízo contra os acusados de atracar dúas sucursais bancarias en Pazos de Borbén e Vilaboa a finais do 2023.
Trátase de dous homes que afrontan 27 anos e 26 e medio de prisión por dous delitos de roubo con intimidación e 5 de detención ilegal. A terceira acusada é unha muller para a que a fiscalía pide 13 anos de cadea como cómplice dos feitos.
Os feitos remóntanse ao 27 de outubro do 2023, cando dous homes atracaron unha sucursal bancaria de Moscoso, en Pazos de Borbén. Ameazaron e ataron con bridas no baño unha empregada e tres clientes e fuxiron cun botín de 27.036 euros.
O segundo atraco foi 13 días despois, nunha oficina bancaria de Vilaboa. Armados con pistolas de aire comprimido, ataron a directora da sucursal e un empregado e marcharon cun botín de 114.625 euros.
A terceira acusada é unha muller que supostamente fixo labores de vixilancia previa e axudou na fuxida os supostos atracadores.
Dáse a circunstancia de que un dos acusados xa faleceu, e outro está detido na prisión de Bonxo, á espera de ser trasladado ao cárcere da Lama e sentar no banco dos acusados este luns en Vigo, por outros delitos.