As pastillas localizadas nun bus escolar de Lugo eran éxtase
Confirmouno a Policía Nacional tras as análises practicadas nun laboratorio
Trasladan ao HULA cinco nenos que atoparon pastillas de éxtase nun bus escolar
O laboratorio confirma que as pastillas achadas nun autobús por un grupo de escolares de Lugo durante unha excursión eran de éxtase. Así o determinaron as análises practicadas tras o achado desta substancia o pasado 22 de setembro por un grupo de nenos de 7 anos.
Os menores, estudantes de segundo de primaria, atoparon a droga no compartimento dun asento, dentro dunha bolsa de plástico. Ao ser de cor rosa, confundíronas con caramelos. Dous deles chegaron a meter unha delas na boca, pero como non lles souberon ben, quitáronas.
Varios pais acudiron cos seus fillos a Urxencias de Pediatría do HULA para que os sometesen a un exame médico, que descartou calquera problema de saúde.
A bolsa foi entregada a axentes da Policía Nacional co obxectivo de determinar que substancia contiñan as pastillas. Segundo as primeiras apreciacións dos axentes, poderían tratarse de éxtases (MDMA), e as sospeitas confirmáronse tras a análise toxicolóxica.
As pastillas non tiñan inicialmente aparencia de medicamentos e levaban unha palabra impresa, un elemento que pode aparecer en determinadas substancias estupefacientes.
A hipótese que se manexou sobre como chegaron as pastillas ao autobús é que puideron ser esquecidas por algún dos usuarios que utilizaron anteriormente o vehículo.