Publicador de contidos

Publicador de contidos

Trasladan ao HULA cinco nenos que atoparon pastillas de éxtase nun bus escolar

Trasladan ao HULA cinco nenos que atoparon pastillas de éxtase nun bus escolar

Os escolares, de sete anos, foron dados de alta tras permanecer en observación e non presentar ningún síntoma

G24.gal 23/09/2026 11:52

Cinco menores de sete anos tiveron que ser trasladados ao Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA) despois de entrar en contacto cunhas pastillas brancas que atoparan no interior do autobús no que viaxaban de excursión. Os pequenos pensaron inicialmente que se trataba de caramelos e algún deles chegou a chupar as pastillas.

Os pais acudiron cos nenos ao centro hospitalario despois de localizar a bolsa que contiña as pastillas e poñerse en contacto co servizo de emerxencias do 061. En Urxencias de Pediatría, os menores foron sometidos a diferentes controis e permaneceron varias horas en observación.

Ningún dos cinco escolares presentaba síntomas. Ademais, os testemuños achegados polos nenos foron distintos, xa que algúns aseguraron que non chegaran a tocar as pastillas, mentres que outro admitiu chupar algunha delas.

A bolsa foi entregada a axentes da Policía Nacional desprazados ata o HULA co obxectivo de determinar que substancia contiñan as pastillas. Segundo as primeiras apreciacións dos axentes, poderían tratarse de éxtases (MDMA), aínda que será necesario esperar o resultado da análise toxicolóxica para confirmar a súa composición.

As pastillas non tiñan inicialmente aparencia de medicamentos e, segundo os datos coñecidos, levaban unha palabra impresa, un elemento que pode aparecer en determinadas substancias estupefacientes. Por agora, non existe confirmación oficial sobre o contido das mesmas.

A hipótese que se manexa sobre como chegaron as pastillas ao autobús é que puideron ser esquecidas por algún dos usuarios que utilizaron anteriormente o vehículo. Estes transportes son empregados habitualmente para servizos moi diversos, desde desprazamentos particulares e celebracións ata excursións, polo que a bolsa podería quedar no seu interior tras unha viaxe anterior.

Despois de permanecer baixo vixilancia médica e comprobar que non presentaban síntomas, os cinco menores recibiron a alta hospitalaria.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade