Publicador de contidos

Publicador de contidos

O Constitucional desestima o recurso da Xunta contra a lei de vivenda

O Constitucional desestima o recurso da Xunta contra a lei de vivenda

A sentenza, que conta co voto particular de cinco maxistrados, é a oitava das ditadas en relación coa norma

Imaxe de arquivo dun edificio en construción (Grupo ST-Europa Press/Arquivo) Imaxe de arquivo dun edificio en construción (Grupo ST-Europa Press/Arquivo)
G24.gal 23/09/2026 15:41

O Tribunal Constitucional desestimou o recurso de inconstitucionalidade interposto pola Xunta de Galicia contra a lei polo dereito á vivenda, segundo informa nun comunicado.

Trátase da oitava das sentenzas ditadas polo Constitucional en relación coa citada lei, polo que aplica a doutrina contida nas anteriores e tamén analiza as cuestións aínda non tratadas.

A sentenza, da que foi relatora a maxistrada Laura Díez Bueso, conta co voto particular dos maxistrados Ricardo Enríquez Sancho, Enrique Arnaldo Alcubilla, Concepción Espejel Jorquera, César Tolosa Tribiño e José María Macías Castaño.

Declara que o artigo 11.2, que atribúe ás administracións territoriais a declaración do incumprimento dos deberes asociados á propiedade da vivenda, atópase amparado pola competencia estatal para establecer as condicións básicas que garantan a igualdade dos cidadáns no exercicio do dereito á vivenda.

Tamén desestima a impugnación do artigo 19.2, que permite que a administración territorial competente poida concretar a definición de gran posuidor. O Constitucional declara que a regulación impugnada está lonxe de cernar o desenvolvemento dunha política autonómica en materia de vivenda e, por tanto, constitúe un exercicio lexítimo da competencia estatal.

Para rematar, descarta que contradigan a Constitución unha serie de previsións da lei por prever un trato diferenciado para os grandes posuidores; por realizar certas limitacións ao dereito á propiedade privada; ou por prever especificidades nos procedementos xudiciais que non menoscaban a tutela xudicial efectiva da cidadanía.

Cuestións novas

En canto ás cuestións novas recollidas nesta sentenza, por unha banda, declara a constitucionalidade da disposición final quinta que modifica a redacción de diversos apartados da Lei de Axuizamento Civil, por considerala amparada na competencia estatal para ditar lexislación procesual.

Por outra banda, a sentenza tamén aborda a análise da disposición transitoria terceira da lei, que condiciona a continuación dos procedementos de desafiuzamento e os lanzamentos suspendidos ao intento previo de conciliación ou intermediación, cando a parte actora sexa unha gran posuidora de vivenda.

Respecto á competencia do Estado para regular esta cuestión, a sentenza declara que, tratándose dunha norma relativa á ordenación de procesos xudiciais, atópase amparada na competencia estatal sobre lexislación procesual.

Respecto do fondo do asunto, o Tribunal Constitucional non aprecia a vulneración do principio de igualdade, por considerar que o status dos grandes posuidores no mercado de vivenda residencial constitúe unha razón que xustifica de xeito obxectivo a súa suxeición a un réxime de continuación de procedementos máis rigoroso.

A sentenza descarta igualmente que a norma vulnere os dereitos á tutela xudicial efectiva e á propiedade privada. Estima que a previsión recorrida persegue uns fins constitucionalmente lexítimos, tales como a atención das persoas en situación de vulnerabilidade económica.

Tamén estima que non se trata dunha carga excesivamente onerosa polos seguintes motivos: o requisito só resulta exixible cando a parte actora teña a condición de gran posuidor; só afecta a unha categoría específica de procedementos; a situación de vulnerabilidade económica foi previamente apreciada polo órgano xudicial; e a norma contén límites temporais que garanten a continuación do proceso.

Con esta resolución, o tribunal culmina o exame dos oito recursos de inconstitucionalidade promovidos en relación coa lei polo dereito á vivenda.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade