Os flamengos regresan ao sur de Galicia
Estas aves déixanse ver de novo na desembocadura do río Umia
Desta vez é un grupo de 17 que cando baixa a marea se achega ás marismas para comer
Cando baixa a marea, o grupo de flamengos achégase á desembocadura do Umia, deixando unha estampa insólita. Gustavo Ferreiro Martínez, portavoz da Sociedade Española de Ornitoloxía (SEO Birdlife) en Galicia, explica que "hai un grupo de 17, son todo inmaduros, aínda non se reproducen. Moitos naceron nesta última tempada de cría".
Os flamengos non son aves propias da nosa paisaxe, pero hai uns anos que pasan tempadas nas Rías Baixas.
"Precisan tranquilidade e bo clima. O clima do sur de Galicia é favorable. Tamén atopan aquí riqueza para alimentarse en zonas intermareais, onde teñen tamén illotes para refuxiarse sen depredadores", destaca Ferreiro.
Iso si, para velos hai que ter paciencia e tamén manterse a unha certa distancia para non molestalos e deixalos recuperar forzas para cando retomen a súa viaxe cara ao sur. O portavoz de SEO Birdlife en Galicia pide prudencia:
"Necesitan un pouquiño de tranquilidade porque veñen de viaxes moi longas. Se os estresamos, aínda que sexa para unha foto, imos obrigalas a voar de novo sen que descansen o suficiente"-
Ademais de nesa zona de Cambados, tamén hai outro pequeno grupo de tres flamengos nas Salinas de Ulló, en Vilaboa.