A Costa da Morte acolle os últimos solpores da Europa continental durante un mes
A partir deste 18 de agosto, e ata o 19 de setembro, Touriñán acollerá o último crepúsculo da Europa continental
Non hai tantos anos, o Cabo Touriñán, en Muxía, era un dos lugares máis inhóspitos e solitarios de Galicia. Xa non. Deixou de selo ao medrar a afección de mirar os ceos e desfrutar de abrentes e solpores.
"Esto de contemplar solpores é un recurso turístico moi aproveitado nas Illas Baleares e aquí en Galicia está empezando" comenta Jorge Mira, físico e divulgador científico.
E vai a máis co ronsel de fenómenos celestes que se poden admirar desde Galicia ultimamente. A partir deste 18 de agosto e ata o 19 de setembro Touriñán acollerá os que queiran presenciar o último crepúsculo da Europa continental. Como descubriu hai anos o galego Jorge Mira sucede pola variable orientación da Terra respecto ao Sol.
"Vai variando ao longo do ano e a raia que separa o día da noite cambia a súa orientación e eso fai que na Costa da Morte, aínda que non estea tan afóra como o Cabo de Roca, en Portugal, se produza durante un mes ese derradeiro atardecer da Europa continental", explica Jorge Mira. físico e divulgador científico.
Despois, o lugar volve mudar nun percorrido de cinco puntos da costa europea que vai desde o Cabo Norte en Noruega ata o Cabo San Vicente en Portugal. Un momento máis evocador se cabe ao coincidir no mesmo segundo, o solpor no Cabo Touriñán cos dos lonxanos Lands End inglés e o Cabo Branco do continente africano.