O "trail" da Ribeira Sacra promociona a paisaxe dos canóns do Sil
Nesta décima edición participan 500 persoas de todas as comunidades autónomas e oito países
A organización aproveita para promocionar o territorio e os produtos locais
No avituallamento do parador de Santo Estevo recibimos os corredores tras superaren os primeiros 16 quilómetros, dos 48 totais que transcorren polos montes de Nogueira de Ramuín, na contorna da Ribeira Sacra.
"Ten o que lle din 'rompepernas', que é subir e baixar no mesmo treito", comenta un arxentino que participa na competición.
Quédanlles por diante outros dous terzos da carreira, pero empréndenos con folgos renovados. Os sendeiros do trail danlles unha perspectiva nova da paisaxe dos canóns.
"A paisaxe é brutal. Ver o canón, o monte precioso".
"Ves o bosque na súa esencia".
"Paga a pena desfrutalo, pero é unha carreira bastante dura", corroboran os corredores.
Son 500 participantes. Hai representación de todas as comunidades autónomas, incluidas as illas, e de oito países en total. Moitos veñen coa familia ao completo.
"Ademais, é que non veñen por un día. Xa levan desde o venres con nós e algúns aproveitan para estar máis polo festivo. Temos todo completo. Moitos tiveron que quedar en Ourense", conta María Fernández Vázquez, organizadora da experiencia gastronómica.
Tamén aproveita a organización para promocionar o produto local.
"Son experiencias de calidade. Acompáñannos sete selos de calidade", sinala María.
Este año estrearon, ademais, a carreira infantil, para que lle vaian collendo gusto desde pequenos.