Milleiros de persoas claman en Galicia por non dar "ningún paso atrás" nos dereitos das mulleres
Este 25N as mobilizacións sucedéronse nas cidades e vilas galegas
Manifestación da Coruña. EFE
Milleiros de persoas manifestáronse nas cidades e vilas de Galicia con motivo do do 25N, Día Internacional da eliminación da Violencia contra as Mulleres.
Na Coruña, saíron á rúa tras a pancarta "Feminismo para transformar o mundo", con catro paradas no percorrido para simbolizar a discriminación das mulleres no ámbito do ensino, ao longo da historia, no mercado de traballo e a nivel xudicial.
Vigo foi a única cidade galega na que non houbo manifestación unitaria. A Marcha Mundial das Mulleres e Resposta Feminista manifestáronse baixo o lema "Vidas libres de violencia machista" mentres que a Rede de Mulleres contra os Malos Tratos convocaba outra mobilzación unha hora máis tarde.
Manifestación de Vigo. Europa Press
En Santiago a manifestación contra a violencia machista partiu da praza 8 de Marzo baixo o lema "Contra as violencias machistas, loita transfeminista".
Segundo explicaron as convocantes, a protesta pretendía poñer o foco sobre as violencias machistas, pero tamén sobre outras problemáticas como a crise da vivenda, "que afecta especialmente as persoas disidentes, empobrecidas, en situación de rúa e migrantes".
No que vai de ano, 47 mulleres foron asasinadas en España polas súas parellas ou exparellas. E 37 menores perderon a súa nai.