Seis días cun niño de velutina na ventá nunha vivenda de Lugo
As avespas aniñaron no exterior dun piso dun edificio próximo a un parque infantil e a unha gardería no barrio de Augas Férreas
En pleno período de maior actividade da velutina, as avespas aniñaron nunha ventá dunha vivenda na segunda planta dun edificio no barrio lugués de Augas Férreas. O inmoble encóntrase moi próximo a un parque infantil e a unha gardería, o que motivou a preocupación da veciñanza.
"Temos unha sala de xogos, onde a nena enreda cos seus xoguetes, e ten esa ventá que non se pode abrir, e temos que ter a persiana a media altura para que non entren, e todas as fiestras da casa pechadas. Eu creo que é unha zona con moito tránsito de nenos e de persoas maiores, moita xente non saberá que é alérxica nin que isto lles está a poñer en risco a saúde", sinala Maite, propietaria do piso.
"Eu isto véxoo un perigo, porque aquí ao lado hai unha gardería de nenos e eu teño aquí unha terraza con xente todos os días", engade o hostaleiro Jose Camba.
A dona da vivenda asegura que alertou do acontecido o pasado venres para que os servizos de emerxencias pasasen a retirar o niño.
"Chamei o mesmo día que a vin. Primeiro ao 012, a onde volvín chamar ao día seguinte. Chamei tamén ao 112 e dixéronme que non era unha emerxencia e que eles non o podían facer. Logo chamei á Policía Local, e dixéronme que eles tampouco podían", queixábase Maite.
"Xa se chamou creo que desde o xoves. Chamar a uns e dinche que teñen que vir os outros, outros que os outros e a casa sen arranxar. Véxoo un perigo fulminante", advertía o dono do establecemento hostaleiro do baixo.
Tras ser derivado o caso polo 012, finalmente acudiu ata o lugar un técnico do Servizo Agrario Galego, que se ocupou de dispararlle varias cargas de veleno á colonia de velutina. Unha vez faga efecto, dentro de dous días será xa totalmente segura a retirada manual do niño.