Aplican a radiotelemetría para localizar niños de velutinas
Trátase dunha ferramenta tecnolóxica que permite seguir o voo do insecto invasor para logo erradicar o niño
As avespas velutinas chegaron a Galicia no 2012 e parece que para quedar. Dar cos niños é fundamental para erradicalas. En Vilalba vén de presentarse unha ferramenta que axuda a localizalos a través da radiotelemetría.
O representante dunha empresa especializada na localización de niños, Abel Kavanagh, explica que utiliza un sistema de radiotelemetría "que consiste en colocar un transmisor a unha velutina e un receptor que permite recoller o sinal"
Precísase un cebo doce para atraer a avespa e utilizar o instrumental que proporciona o kit de localización do niño para poñerlle o transmisor. Logo só é cuestión de seguir á velutina no seu voo a través do receptor ou dunha aplicación para o teléfono móvil.
Kavanagh asegura que o alcance ronda "o medio quilómetro e que tamén se pode montar nun dron".
Os transmisores son recuperables e comenta este buscador de niños de velutina que a tecnoloxía nunca lle fallou e que nunha soa tarde pode localizar ata tres.
Pola súa banda, o apicultor e responsable da Casa do Mel, Manuel Ferreira, indica que "se conseguíramos limpar na primavera os niños non habería esta invasión diante dos colmenares".
Unha ferramenta que axuda a manter a actividade apícola, tan afectada pola presenza das avespas velutinas.