Coristanco celebra a edición número 44 da súa Festa da Pataca
É unha das primeiras celebracións gastronómicas de Galicia
Coristanco leva toda a fin de semana de festa. Celebra as bondades dun produto propio: a pataca que brota nas súas terras.
O tubérculo, famoso pola súa calidade gastronómica, protagoniza cada momento do festexo, incluído o desfile de tractores, que conquistou o público no seu percorrido, portando desde helicópteros a estadios de Riazor de pataca.
A Festa da Pataca de Coristanco é das primeiras festas gastronómicas de Galicia. Celébrase desde 1980 para promocionar a calidade deste produto local e ao tempo homenaxear os agricultores da zona.
É unha manifestación cultural e social con música, xogos, concursos, exposicións e, por suposto, coa posibilidade de degustar soas ou acompañadas as patacas de Coristanco.
Din os que saben que as condicións do coñecido como o verxel de Bergantiños, un clima temperado e húmido e unha terra de calidade, están detrás da sona merecida das patacas de Coristanco.