Os Tedax inspeccionan a comisaría de Palencia tras ser atacada con cócteles molotov
O lanzamento deses obxectos incendiarios provocou un pequeno lume no exterior do recinto, onde xa comezou a investigación policial para tratar de esclarecer o ocorrido e identificar o autor ou os autores do ataque
Robot dos TEDAX para desactivar explosivos (Europapress/Arquivo)
A Comisaría da Policía Nacional de Palencia está a ser inspeccionada por técnicos especialistas en desactivación de artefactos explosivos (Tedax) despois de ser atacada co lanzamento de cócteles molotov, que non causaron danos persoais.
A contorna do recinto policial está acordoada e a rúa Pedro Berruguete está cortada ao tráfico porque nas inmediacións se localizou unha mochila que contiña máis artefactos, segundo explicaron fontes da investigación e da Subdelegación do Goberno.
O lanzamento deses obxectos incendiarios provocou un pequeno incendio no exterior do recinto, onde xa comezou a investigación policial para tratar de esclarecer o ocorrido e identificar o autor ou os autores do ataque.
Ao parecer, os feitos producíronse arredor das seis e media da mañá e foi un policía que acababa a súa quenda e ía entrar no seu vehículo quen viu unha persoa lanzar varios obxectos sospeitosos, aínda que unicamente o último deles chegou a estoupar e xerou chama.
A Subdelegación do Goberno confirmou que, como consecuencia do ocorrido, se activou a denominada 'Circular 50', referida ao protocolo de resposta ante atentados terroristas ou incidentes graves con sospeita de ameaza ou artefacto terrorista.
Á súa vez, en toda a cidade de Palencia despregouse a denominada operación Jaula para tratar de evitar que o autor ou os autores deste ataque poidan fuxir da zona, detallou a Subdelegación.