Trece anos despois do crime de Asunta Basterra, o seu pai aspira a tres días de permiso
Alfonso Basterra solicitou un permiso de tres días para saír do cárcere de Topas, onde cumpre 18 anos de condena
Rosario Porto, nai da nena, suicidouse na súa cela o ano 2020
Asunta Basterra Porto estaría a piques de cumprir vinte e seis anos, pero o seu futuro esfumouse o 21 de setembro de 2013. O seu corpo apareceu nunha pista de Cacheiras, en Teo, preto do chalé da nai da pequena, horas despois de que Rosario Porto e Alfonso Basterra denunciaran a súa desaparición.
As incoherencias nas primeiras declaracións de Rosario Porto puxeron o foco da investigación sobre os pais. Ambos ingresaron en prisión preventiva o 27 de setembro, imputados inicialmente por homicidio. A autopsia revelou que Asunta falecera por asfixia. Os exames toxicolóxicos detectaron unha elevada concentración de ansiolíticos no seu corpo e determinaron que recibira benzodiacepinas meses antes da súa morte. Para o xuíz instrutor, os proxenitores acordaran un plan para acabar coa súa vida.
"Esa toxicidade que tiña no cabelo demostrou que levaba unha serie de meses recibindo esas drogas e polo tanto que había unha premeditación, que foi o que xuridicamente tivo peso no xuízo", explicaba José Antonio Vázquez Taín.
O xuízo comezou o 29 de setembro de 2015. Un mes despois coñeceuse o veredito, unánime e inapelable, do xurado popular: culpables de asasinato. A Audiencia Provincial da Coruña condenounos a 18 de prisión. En novembro de 2020, Rosario Porto apareceu morta na súa cela do cárcere de Brieva.
Era algo que había que ter en previsión. Había temporadas en que a vía mellor, pero outras estaba totalmente afundida, así que sorpresa, pero non tanto", laiábase o seu avogado tras coñecer a noticia.
Alfonso Basterra cumpre condena no cárcere salmantino de Topas. No mes de agosto solicitou un segundo permiso para saír tres días da prisión que está pendente da decisión do xuíz de vixilancia penitenciaria. Nunca asumiu a responsabilidade do crime nin desvelou o grande interrogante: o móbil do asasinato.