Publicador de contidos

Publicador de contidos

A calor prolonga a froita de óso e eclipsa as novidades outonais

A calor prolonga a froita de óso e eclipsa as novidades outonais

Os pexegos aínda están no mellor punto, pero xa é algo tarde para albaricoques, paraguaios ou nectarinas

G24.gal 14/09/2026 14:36

Mazás, granadas, castañas ou figos comezan a pintar de outono as froiterías do país, pero a xente non mira moito para elas.

"Nada, nada, eu tomo melón, sandía e pexegos, cousa fresca. Non vou facer o magosto a 30 graos".

A calor eclipsa as novidades outonais e prolonga a tempada da froita de óso nas tendas. 

"Si, froita do país de óso vai quedando menos, pero a colleita foi abundante e aínda temos cousas", comenta Eva Ferraces, da froitería As Cabaciñas.

"Está o pexego de Calanda, a claudia raíña, a ameixa fraile, son froitas tardías de óso e están moi boas agora", explica Vanessa Mariño, da froitería dos Concheiros.

Os pexegos aínda están no mellor punto, pero xa é algo tarde para albaricoques, paraguaios ou nectarinas. Canto á sandía ou o melón a mediados de setembro.

"Fíome mais da sandía ca do melón a estas alturas". "A sandía está moi doce pero xa non ten a mesma textura, xa non ten o esplendor do verán".

O mellor neste momento de entretempo é deixarse aconsellar e apostar polo produto de tempada.

"Cada cousa ao seu tempo. Se compras froita de óso en decembro non vai ter o mesmo sabor. A de importación non sabe igual que a que compres aquí no verán".

"Non é igual que estea varios días en cámaras e logo vaia ao mercado que a recibas collida no punto nunha zona de proximidade".

En poucas semanas haberá que despedir definitivamente á froita do verán. Mentres, toca facer marmelada para previr a morriña e ir dando a benvida ás delicias que trae o outono.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade