O Concello de Santiago estuda sancionar a concesionaria do transporte urbano por incumprimentos
Consideran un "gravísimo incumprimento" a supresión de vehículos, que está causando atrasos e recortes de servizos
Xan Duro esixe a reposición de todos os autobuses que marca o contrato vixente ata que empece o novo o 15 de decembro
Os usuarios do transporte urbano de Santiago levan meses denunciando os fallos do servizo debido a que a frota está moi envellecida, pero esta semana as queixas por atrasos ou supresión de horarios multiplicáronse.
Viaxeiras das rutas 1 e 6 confirmaban a falta dalgúns servizos e atrasos de ata corenta minutos.
Ante as queixas dos viaxeiros e do número inusualmente alto de avarías que a propia concesionaria reporta nos partes habituais, o Concello realizou dúas inspeccións desde o martes e constatou que polo menos seis dos vehículos supostamente avariados non se reincorporaron ao servizo por unha causa que o Concello considera inxustificable.
Parece que os arranxos inclúen o repintado conforme ás pautas da nova concesión, que entrará en vigor o 15 de decembro, o que impide que logo poidan circular ata ese día.
Isto reduciu a 35 os que están actualmente en circulación cando debían ser 41 os que están a operar. Á súa vez, esta cifra é inferior aos máis de 50 contemplados ao comezo do contrato, que leva nove anos en orde de continuidade.
O Concelleiro de Mobilidade, Xan Duro, esixe que entrementres a concesionaria Tussa, dependente de Monbús, manteña a cobertura que marca o contrato actual.
"Non discuto que os pinten, pero se pintan ese autobús que vai ter que quedar aparcado, hai que poñer outro no sitio; non hai máis debate".
A concesionaria actual vai formar parte do grupo de empresas que se fixo coa nova adxudicación.
"O feito de que a actual concesionaria forme parte da UTE adxudicataria do novo contrato que debe entrar en vigor en decembro non altera as obrigacións que lle corresponden como actual prestación do servizo; e o feito de que se queira preparar para a entrada en funcionamento do novo contrato non pode comprometer de ningún xeito a prestación do servizo na actualidade", reprochoulle.
O Concello de Santiago esíxelle que repoña a normalidade do servizo de inmediato e abriulle un expediente sancionador conforme á lei de transportes vixente, polo que considera "un gravísimo incumprimento".
A concesionaria deberá remitirlle ao Concello toda a información ao respecto das expedicións non realizadas, das causas concretas da súa cancelación, dos vehículos dos que dispón efectivamente para prestar o servizo e das medidas que vai adoptar para garantir o cumprimento da totalidade das expedicións previstas.