Publicador de contidos

Publicador de contidos

O Día da Policía corta o tráfico e desvía a maioría dos autobuses urbanos en Vigo

O Día da Policía corta o tráfico e desvía a maioría dos autobuses urbanos en Vigo

Varias rúas do centro quedaron cortadas e suprimíronse algunhas paradas de autocar

Un amplo dispositivo da Policía Local facilitou a celebración dos seus compañeiros da Nacional

G24.gal 02/10/2025 14:33

Para que unha policía celebrase a súa festa, outra tivo que traballar arreo. Un amplo dispositivo da Policía Local de Vigo encargouse da tarefa de redirixir o tráfico en boa parte do centro da cidade pola celebración dos actos do Día da Policía Nacional.

A imaxe e a conversa repetíase en cada punto cortado por un axente municipal: "E como podo chegar ali?", preguntaba un condutor tras outro. Os vehículos non podían acceder á area das rúas Urzáiz, Policarpo Sanz, García Barbón e Areal, onde se celebraron desfiles, presentacións e entregas de condecoracións, coa presenza ademais de varias autoridades, como o ministro do Interior, o conselleiro de Presidencia e o propio director xeral da Policía. 

"Viña a inscribirme nunha formación e estou aquí dando voltas, que xa vou media hora tarde. A ver se chegamos pronto", explica un mozo ao volante do se coche parado nun semáforo.

"Molesta moito porque somos veciños da zona e xa levan así tres días", quéixase un veciño da rúa Areal.

"Houbo un pouco de atasco ao sair da autoestrada pero non foi moito. Nada, ben", asegura en cambio outro condutor.

"Eu non vivo aquí, veño deixar a miña parella e está un pouco liado. Teño que chegar a Vialia e estou dando voltas para chegar alí", conta outro home a moita distancia do seu destino.

A celebración interrompeu o cruzamento polo que pasan máis liñas do autobús urbano de Vigo. Por iso, Vitrasa, a concesionaria do transporte municipal, xa deseñara un plan de rutas alternativo, con distintos desvíos. Pero ademais, sobre o propio terreo, varios supervisores estaban avisando e redixirindo os autocares en tempo real, segundo se ían cortando ou abrindo os pasos.

"Todo está planificado pero hai cortes imprevistos e ao mellor en cinco minutos nos cortan o cruzamento da rúa Colón", explica a pé de asfalto o o xefe de circulación da compañía, Manuel Anido.

"Iso supón meternos por rúas que normalmente son de sentido único e as converten de súpeto en dobre sentido e temos que facer xiros que non se adoitan facer", engade Jorge Caride, inspector de Vitrasa.

Tamén se encheron algúns aparcadoiros públicos, como o de Rosalía de Castro ou os da rúa Areal. Algún vehículo mesmo chegou a dar marcha atrás na rampla ao non poden entrar no estacionamento.

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade